Publicador de contidos

Forte presenza galega no FICXixón

Forte presenza galega no FICXixón

Cinco títulos asinados por autores galegos na edición 59

Lois Patiño, Ángel Santos, Lucía Estévez, Andrés Goteira e Pascual Sisto presentarán os seus filmes n certame asturiano

Fotograma de 'O niño dos paxaros' de Lucía Estévez
01/11/2021 14:29

Logo do seu paso por Cannes, Sycorax, o filme de Lois Patiño e Marcelo Piñeiro, que non tivera aínda estrea en España, viaxa a Xixón. A curta previa á longa que terá como título Ariel é un exercicio cinematográfico no que as imaxes do artista vigués e as palabras do arxentino atopan un punto de encontro entre as mulleres dunha vila portuguesa aos son do texto de Shakespeare.

Palabras que tamén son protagonistas en Así vendrá la noche, a nova curta de Ángel Santos. Tamén como previa á súa vindeira longa de título Así llegó la nocheo cineasta de Marín explora a ausencia nunha carta do século vinteún, un audio de whatsapp como nostalxia dun tempo pasado nunha sorte de correspondencia da vida inacabada.

Fotograma de 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos Fotograma de 'Así vendrá la noche', de Ángel Santos

N'O niño dos paxaros Lucía Estévez recolle as diferentes tendencias do seu cinema ata o momento. Coa base do real e a narración dos comezos no traballo, a directora elabora unha fábula transitando entre o xa acontecido e o ficcionado liberando toda a forza expresiva cunha atractiva parte musical.

Welcome to mamaison é a volta de Andrés Goteira á dirección. En pleno proceso de traballo da súa nova longa de ficción, o director de Meira acompaña a un fan de Nicolas Winding Refn na súa busca do director dinamarqués no plano físico e no metafórico.

E unha sopresa dun nome galego que vive e fai cinema nos Estados Unidos. O ferrolán Pascual Sisto entrara dentro da selección pandémica de Cannes 2020 con este filme, John and the hole. Nel asistimos á historia dun rapaz que pecha nun burato á súa familia coa intención de facer o que lle veña en gana sen dar explicacións. Este filme pecha a forte e variada presenza da autoría galega na edición 59 do FIC Xixón.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar