O Compostela deixa escapar unha gran vantaxe nos últimos dez minutos
O Compostela deixa escapar unha gran vantaxe nos últimos dez minutos
Adiantouse cun 3-0 con dobrete de Mario Rodríguez e gol de Darío Germil
O equipo aragonés marcou dous goles no treito final e meteuse na eliminatoria
O Compostela logrou o triunfo diante do Tarazona na ida da primeira eliminatoria de ascenso á 1.ª RFEF. O resultado (3-2) deixa a eliminatoria incerta, unha mágoa despois de que os de Juan Carlos Andrés chegasen ao minuto oitenta cun 3-0.
O acontecido na primeira media hora non facía presaxiar este desenlace. O Tarazona saíu con moita personalidade ao partido, neutralizando o xogo do Compostela pero sen xerar oportunidades. O Compos sufriu pero, pouco a pouco foi medrando no encontro. Antes do descanso Darío marcou e forzou unha xogada na que o árbitro ben puido pitar penalti.
Ao Tarazona fíxolle moito dano o gol e entrou co pé trocado na segunda metade. En dez minutos Mario marcou un dobrete, o segundo logo dun claro penalti sobre Jordan, que poñía unha diferenza soñada polo cadro compostelán.
Pero nos útimos dez minutos caeu a vantaxe do cadro santiagués. Samu mandou un balón ao ferro e na acción seguinte Toni Jou marcaba o 3-1. O Tarazona perseguiu un gol máis e atopouno no engadido co gol de Adrián Carrasco. Do que puido ser ao que foi. O Compostela defenderá en Aragón a vantaxe dun gol.