Ferrol declara o proxecto de SAIC Motor de interese municipal estratéxico
O obxectivo é que as obras poidan comezar o ano que vén para que a planta do porto poida estar operativa en 2028
Sen pausa. Ferrol avanza no proxecto da multinacional chinesa da automoción coa declaración de interese municipal estratéxico. Os prazos apuran para que a planta poida comezar a construírse o ano que vén.
"Estamos competindo por liderar non só a industria en Galicia. Tamén en España e en Europa", asegura o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey.
Refórzase o papel do porto cunha nova dirección e tamén a disposición de solo industrial no polígono de Mandiá, que acollerá a actividade industrial auxiliar.
"Ferrol está medrando en poboación, e medrando en emprego", di Rey Varela.
O proxecto de SAIC Motor vén reforzar a posición de Galicia no mercado internacional da automoción.
"Era un sector que nos preocupaba polo tema da transición enerxética. Facianos poñer a luz vermella e agora vemos que pode frutificar", explica Amelia Pérez, secretaria xeral de CC.OO. de Galicia.
E que vén avalar, din os empresarios, as fortalezas competitivas de Galicia.
"Temos un ecosistema industrial e de colaboración público-privada que favorece que as empresas queiran asentarse aquí", xustifica Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia.
E para o que piden seguir avanzando nas infraestruturas enerxéticas e nas comunicacións.