Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferrán Adriá lanza en Vigo un desafío premiado cunha estadía co seu equipo

Ferrán Adriá lanza en Vigo un desafío premiado cunha estadía co seu equipo

O famoso cociñeiro explicoulles aos estudantes vigueses o seu método para innovar

G24.gal 22/04/2024 16:00 Última actualización 22/04/2024 16:11

Hoxe visitou Vigo Ferrán Adriá, pero o gran mestre da cociña de vangarda non estivo entre fogóns, senón na universidade. Explicoulles aos alumnos a súa técnica para fomentar a innovación, e lanzoulles un desafío que ten como premio unha estadía co equipo do Bulli.

"A miña primeira función é de axitador. Atrévome a dicir cousas politicamente incorrectas con toda a boa intención de axitar, de facer reflexionar".

Baixo esa premisa Ferrán Adriá dirixiuse aos alumnos da Universidade de Vigo. Baixo o título 'Imaxinémonos sen límites', o gurú da cociña de vangarda deu a coñecer a súa metodoloxía Sapiens, unha técnica centrada en conectar diversas respostas para fomentar a innovación. Amosoulles como aplicala en traballos de fin de grao, de fin de máster ou proxectos innovadores.

"Que son as cousas? Con que as podo comparar? Como podo clasificalas? Onde están no mundo as cousas que quero comprender? E a historia desta cousa. Se fas estes cinco métodos, vas comprender calquera cousa".

Tamén presentou aos alumnos o desafío ElBUlli 1846, similar aos que impulsa nas universidades de Harvard ou Columbia, cun premio consistente nunha estadía co seu equipo nas instalacións de Rosas.

O mestre mundial da cociña loou a experiencia gastronómica que viviu esta fin de semana en Galicia. Adriá non dubidou en cualificala de incrible, e a mellor que se pode desfrutar na actualidade no mundo. E asegura que a cociña galega vai por moi bo camiño.

"Coido que estades a piques de dar o salto para vos converter en referencia a nivel do turismo mundial. Porque se todos queremos turismo de calidade e alta gama, a gastronomía é fundamental". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade