Ferido grave o condutor dun camión tras colidir contra un turismo en Maceda
O condutor do camión tivo que ser evacuado en helicóptero
Lugar do accidente en Foncuberta (Garda Civil)
Dúas persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, tras unha colisión frontolateral entre un camión lixeiro e un turismo en Foncuberta, no municipio ourensán de Maceda.
O suceso tivo lugar sobre as 15:50 horas deste sábado na estrada OU-103, que conecta Maceda cos Milagres, segundo informou a Garda Civil.
O condutor do turismo, un Opel Astra, resultou ferido leve e foi trasladado en ambulancia. O home que ía conducindo o camión tivo que ser evacuado no helicóptero H-4 ao estar ferido grave.
Debido á violencia coa que sucedeu o impacto, ambos vehículos presentaban graves danos. Pola súa posición final, ocupando case todo o ancho da calzada, foi preciso regular a circulación.
Ata o lugar dos feitos mobilizáronse un helicóptero e unha ambulancia do 061, así como tamén Protección Civil de Maceda, unha patrulla de motoristas e un equipo de sinistros do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense.