Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ferida unha muller ao quedar co coche colgando dun muro en Vilanova de Arousa

Ferida unha muller ao quedar co coche colgando dun muro en Vilanova de Arousa

Ocorreu na coñecida como rotonda de Baión, un punto negro segundo a veciñanza

G24.gal 30/11/2024 12:09 Última actualización 30/11/2024 14:22

Unha muller quedou ferida nun accidente de coche rexistrado pouco despois das sete da mañá no concello de Vilanova de Arousa.

Por causas que está a investigar un equipo de atestados da Garda Civil de Tráfico, a condutora foise fóra da vía na coñecida como rotonda de Baión, cruzou un xardín e quedou pendurada dun muro.

"Estabamos durmindo e escoitamos un estrondo, un batacazo, saímos á porta e como esta rotonda está escura, vimos que tiraran o muro pero non viamos o coche ata que a miña muller se decatou de que estaba colgado por fóra, na leira do lado", asegura Eduardo Oubel, que vive na casa.

Eduardo foi o primeiro en socorrer a accidentada ata que chegou a ambulancia para trasladala ao hospital do Salnés.

"Ela abriu a porta para o lado, vin que o coche non se movía, saltou do coche e esperamos aquí a que chegara unha ambulancia. Puxéronlle uns colariños e estiveron falando con ela".

A veciñanza considera moi perigosa esta estrada. Din que non hai iluminación nin beirarrúas e que todos os meses hai varios sinistros de tráfico. Precisamente estes días cúmprense seis anos doutro moi semellante.

"É a casiña das desgrazas porque non hai máis ca accidentes nesta zona (...). En vez de ser neste lado foi no outro do xardín. Tirou unha rapaza que estaba facendo o ceda ao paso, veu un de arriba, da mesma zona, e tirou a rapaza polo portal para dentro e el meteuse co coche no xardín. Esta rotonda éche así", relata Antón Airas, veciño do lugar.

"Quero denunciar a auga que me vén toda para dentro do terreo e anégame as froiteiras, as patacas, os tomates. Aquí ten habido un montón de accidentes. Teño un neno pequeno que vai á casa dos avós, a meu sogro fáltalle unha perna e lévoo en cadeira de rodas por aquí e os camións pasan pegados e téñolles pánico", engade o mesmo veciño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade