Feijóo dá por morta a lexislatura e cualifica este Goberno de "tinglado"
Feijóo dá por morta a lexislatura e cualifica este Goberno de "tinglado"
O líder da oposición pídelle a Sánchez que se poña en contacto co rei para anunciarlle que convoca eleccións ou dimite
Os socialistas din que a lexislatura non "está en perigo"
Alberto Núñez Feijóo non escatimou en críticas ao Goberno e especialmente ao seu presidente, Pedro Sánchez, durante unha xuntanza no Senado cos seus deputados e senadores. Di Feijóo que este Goberno é "un tinglado pensado na mera supervivencia dunha persoa", en alusión ao xefe do Executivo. A el referiuse coma "un tapón para o cambio".
O líder do PP dá por "esgotada" a lexislatura tras as derrotas parlamentarias que sufriu o Goberno, as últimas onte mesmo. E pediulle a Pedro Sánchez que chame o rei para comunicarlle a "convocatoria de eleccións ou a súa dimisión". Segundo Feijóo, a lexislatura pode colapsar definitivamente "en calquera momento".
A lectura na Moncloa é outra. A voceira do Goberno asume a derrota, pero asegura que a lexislatura non periga "en absoluto". Pilar Alegría trata de restarlles importancia ás derrotas acumuladas polo executivo no Congreso. Achácao á minoría parlamentaria do Goberno, e iso esixe "máis traballo" para poder sacar adiante as iniciativas.
O ministro de Economía tamén quere ver o vaso medio cheo. Confirma que seguirán negociando cos de Puigdemont e amósase confiado en que finalmente "haberá acordo" con Junts e os orzamentos "vanse poder presentar en tempo e forma".