Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PPdeG apraza o congreso de novembro e Rueda fixa como "prioridade máxima" sacar a Sánchez do Goberno

O PPdeG apraza o congreso de novembro e Rueda fixa como "prioridade máxima" sacar a Sánchez do Goberno

Alfonso Rueda e outros dirixentes, na Xunta directiva do PPdeG deste luns (EFE/Xoán Rey) Alfonso Rueda e outros dirixentes, na Xunta directiva do PPdeG deste luns (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 05/10/2026 19:52 Última actualización 05/10/2026 19:58

O PPdeG aprazou o congreso autonómico que estaba previsto para os días 21 e 22 de novembro e que ía ser o primeiro congreso ordinario da etapa de Alfonso Rueda á fronte do partido.

O propio Rueda anunciou o adiamento ante a Xunta Directiva do PPdeG e situou como «prioridade máxima» traballar para «sacar do Goberno» o socialista Pedro Sánchez e contribuír a que o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, chegue á Moncloa.

O congreso celebrarase despois das eleccións xerais

Rueda explicou que o partido organizará o congreso nunha data aínda por determinar, unha vez celebradas as próximas eleccións xerais.

«Organizarse é moi importante», afirmou, pero engadiu que agora a prioridade é concentrar os esforzos na vitoria de Feijóo.

«Hoxe tiñamos previsto aprobar o calendario e os relatorios. Pero aprazámolo sen ningún problema e poñemos unha marcha máis no momento no que é máis necesario poñela», sinalou.

O presidente da Xunta fixou tamén como reto «marcar o camiño desde Galicia á España que vén».

«Feijóo meréceo e Galicia meréceo. Sempre estivemos á altura e non imos fallar», proclamou.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, incidiu na mesma idea e defendeu que os populares galegos traballen, «desde a unión que os caracteriza», para promover «o cambio» político en España.

Rueda pide non confiarse

Rueda afirmou que está convencido de que Sánchez só pensa «no seu interese persoal», pero considerou que se abre «unha xanela de oportunidade» ante a convocatoria electoral.

O líder do PPdeG apelou aos seus a estar «ilusionados» e «motivados», pero tamén advertiu de que non deben confiarse.

«Sabemos o que pasa coa confianza e van intentalo todo», afirmou.

O PPdeG aspira a superar os seus mellores resultados

Rueda destacou que existen «moitas expectativas depositadas no resultado de Galicia» e insistiu en que a comunidade «non pode fallar».

Neste sentido, instou os populares galegos a traballar para superar os mellores resultados obtidos polo partido ata o momento.

«Quero que o conseguido ata hoxe sexa o chan sobre o que seguir medrando. É un reto difícil, pero creo que o podemos conseguir. Imos por todo!», asegurou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar