Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez adianta as eleccións xerais ao 29 de novembro

Sánchez adianta as eleccións xerais ao 29 de novembro

O líder do PSOE pide o apoio da cidadanía para conseguir unha "maioría máis ampla", "dobregar as elites" e continuar coas reformas

O Consello de Ministros aproba o decreto de convocatoria anticipada dos comicios, que sairá publicado este martes no BOE 

Calendario electoral: da publicación da convocatoria á xornada dos comicios

 

EFE/Pull Moncloa
G24.gal 05/10/2026 07:21 Última actualización 05/10/2026 14:29

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, acordou adiantar as eleccións xerais e convocalas o vindeiro 29 de novembro. O anuncio fíxoo nunha declaración institucional realizada desde o Palacio da Moncloa ás 9:00 da mañá. Dúas horas e media despois, un Consello de Ministros extraordianario aprobou o decreto en que se acorda a disolución das Cortes e a convocatoria anticipada dos comicios para o 29-N.

O decreto, que deberá asinar telematicamente o rei desde Finlandia -onde se atopa de viaxe de Estado xunto a dona Letizia- será publicado este martes no Boletín Oficial do Estado.

Fontes de Zarzuela sinalan que o presidente do Goberno informou ao rei o domingo pola tarde por teléfono da súa intención de disolver as Cortes e de adiantar as eleccións xerais ao domingo 29 de novembro. A decisión adoptouna tres días despois de que o Congreso tombara os decretos de vivenda e tras unha fin de semana de múltiples contactos con ministros e dirixentes do PSOE.

O presidente defendeu a súa xestión, que converteu España "no país que máis medra de toda a UE"

Na comparecencia celebrada en Moncloa, Sánchez repasou os logros acadados polo seu Goberno nestes tres anos de lexislatura, tres anos nos que España "non deixou de medrar".

Sánchez sinalou que España avanzou na senda da transformación e da xustiza social malia ter que lidar "coa peor oposición da historia da democracia" e con "elites económicas e sociais moi poderosas". Segundo dixo, convertémonos na economía "que máis medra e que máis emprego crea de toda a Unión Europea".

Defendeu o labor realizado polo seu Executivo durante a lexislatura e chamou os españois a decidir se queren que España se sume á "onda ultradereitista" que involuciona e recorta dereitos ou desexan que España siga sendo "un baluarte de apertura e de xustiza social e de responsabilidade medioambiental". 

O presidente repasou as reformas sociais acometidas polo seu Goberno e as "medidas valentes" aprobadas para cumprir co dereito constitucional de acceder a unha vivenda. "Fixemos todo o que estaba nas nosas mans para defender o interese dos españois e españolas", dixo

Sánchez pídelle á cidadanía que se mobilice nas urnas para continuar coas reformas

O presidente admitiu que houbo "erros", que non puido cumprir todo o que se propuxera, e por iso decidiu convocar eleccións, para dotarse dunha maioría progresista máis ampla que permita "dobregar as elites", conquistar novos avances sociais e "seguir transformando España.

Sánchez explicou que "fixemos todo o que estaba nas nosas mans para defender os intereses dos españois". Recoñeceu que en parte da maioría social "hai insatisfacción, e indígnalle ver que os seus intereses son pisados no Parlamento en beneficio duns poucos", en relación á recente decisión do Congreso de tombar os dous decretos de vivenda aprobados polo Executivo.

O Goberno prevé volver aprobar este martes os decretos en materia de vivenda

O Goberno prevé volver aprobar na reunión do Consello de Ministros deste martes os decretos leis sobre vivenda que rexeitou a pasada semana o pleno do Congreso.

Se se aproban eses decretos, terán que ser validados no prazo dun mes polo Parlamento, e ao estar xa disolto, quen ten potestade para facelo é a Deputación Permanente.

A diferenza do ocorrido no pleno do Congreso, o Goberno ten neste órgano a maioría suficiente para aprobar polo menos o primeiro dos dous decretos que decaeron a semana pasada, porque o voto de Junts xa non sería necesario.

Non sucedería o mesmo co segundo, relativo á renovación automática de alugueiros, xa que o PNV votou en contra do mesmo. 

Rebeca Torró, María Jesús Montero e Cristina Narbona dirixirán a campaña do PSOE

O presidente do Goberno e secretario xeral socialista, Pedro Sánchez, animou este luns á Executiva federal do PSOE para saír a gañar as próximas eleccións do 29 de novembro.

Segundo fontes presentes na reunión da Executiva celebrada en Ferraz, o xefe do Executivo animou aos membros da dirección nacional para dar a batalla na campaña electoral e confiar en que se pode gañar e mesmo gobernar.

Na reunión, que durou preto de dúas horas, o presidente explicou os motivos que lle levaron a adiantar as eleccións.

Sánchez chegou á mesma "moi animado", de bo humor, decidido e "enchufado", segundo fontes do partido, que engadiron que o secretario xeral foi recibido con moito cariño por parte da cúpula da formación. 

 A Comisión Executiva Federal do PSOE aprobou este luns a composición do Comité Electoral co que o partido acudirá aos comicios do próximo 29 de novembro, con tres mulleres que dirixirán a campaña electoral socialista: Rebeca Torró, María Jesús Montero e Cristina Narbona.

Segundo informou o PSOE, a secretaria de Organización, Rebeca Torró, será a coordinadora xeral da campaña electoral; a vicesecretaria xeral, María Jesús Montero, estará a cargo da Coordinación Estratéxica e a presidenta do PSOE, Cristina Narbona, será a coordinadora do Programa Electoral.

 

 

Pedro sánchez, na xuntanza da Executiva Federal convocada para a tarde deste luns en Ferraz (Diego Radamés-Europa Press) Pedro sánchez, na xuntanza da Executiva Federal convocada para a tarde deste luns en Ferraz (Diego Radamés-Europa Press)

Así mesmo, a Comisión Executiva Federal aprobou o calendario electoral do PSOE, que culminará o próximo 17 de outubro coa ratificación das listas no Comité Federal do partido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade