Fazaña do Baxi Ferrol, que gaña na pista do poderoso Galatasaray (69-73)
Fazaña do Baxi Ferrol, que gaña na pista do poderoso Galatasaray (69-73)
Blanca Millán, con 24 puntos e dúas triplas decisivas no último cuarto, foi a mellor do partido
Iguala co equipo turco á fronte do grupo, con tres vitorias e unha soa derrota
O Baxi Ferrol realizou unha fazaña gañando na pista do Galatasaray e metendo pé e medio na seguinte fase da Eurocup Women (69-73).
Comezou moi ben o partido o equipo de Lino López (4-13). Equilibrou o Galatasaray cun parcial de 8-0, que lle devolveron as ferrolás para rematar o primeiro cuarto cun 14-23. No segundo, a vantaxe foise ata os trece puntos (17-30). Blanca Millán anotaba con moita facilidade e unha canastra súa serviu para ir ao descanso nove arriba (30-39).
No terceiro cuarto chegou o mellor momento do Baxi Ferrol. Defendía con firmeza e anotaba con moita facilidade para poñerse cun espectacular 38-54. O equipo turco cambiou a defensa e valeulle para encadear un parcial de 14-0 que o volveu meter no partido (52-54) xusto ao comezo do derradeiro período. O Galatasaray culminou a remonta cunha tripla de Gunay (60-59).
No momento máis complicado volveu aparecer Blanca Millán. Anotou dúas triplas determinantes e permitiulle ao Baxi manter a dianteira cun 67-71 co que se chegaba ao último minuto. O Galatasaray chegou a ter bóla para forzar a prórroga co 69-71 e Pospisilova anotou os dous tiros libres que lle daban un triunfo histórico ao Baxi Ferrol.