Gilsanz rexeita a oferta do Deportivo e pon fin a un vencello que duraba sete campañas
O club ofrecéralle ser o coordinador da escola de adestradores pero o betanceiro prefire continuar a súa carreira como técnico
Os últimos sete meses chegou o seu momento estelar ao ter a posibilidade de dirixir ao primeiro equipo
Marcha Óscar Gilsanz do Deportivo. Xusto despois de que lle chegara o momento de adestrar o primeiro equipo remata un camiño que comezara alá polo ano 2018. O club ofrecéralle seguir como coordinador da escola de adestradores pero o betanceiro asegura sentirse como técnico e non quere deixar esa relación cos bancos tan cedo. Buscará un novo destino e tentará adestrar esta mesma temporada.
Despois duns exitosos anos no Rácing Vilalbés o Deportivo reclamouno para dirixir un dos filiais que durante dúas temporadas foi o Laracha. O bo traballo levouno ata as categorías inferiores onde brillou co equipo xuvenil. O momento máis importante foi o título da Copa de Campións derrotando na semifinal ao Real Madrid e na final ao Barcelona.
O Fabril foi o seu seguinte paso. Tiña o reto de devolvelo á Segunda RFEF e conseguiuno. Non só iso senón que mantivo o Fabril nesa categoría na seguinte temporada. Cando comezaba a terceira aventura co cadro fabrilista recibiu a chamada da directiva para substituír a Idiákez no primeiro equipo despois dun mal inicio no que o cadro deportivista estaba en postos de descenso. Gilsanz dotou de orde e equilibrou ao Deportivo. A permanencia logrouse dun xeito desafogado pero a dirección deportiva quería un novo rumbo á fronte do primeiro plantel.