Fai 25 anos do accidente da ponte das Pías
A plataforma Discoverer Enterprise soltouse de Astano e colidiu coa ponte deixando Ferrol incomunicado por terra 90 días

Fixo 25 anos do accidente da ponte das Pías en Ferrol. Lembrarán que a plataforma Discoverer Enterprise se soltou de Astano e colidiu coa ponte deixando Ferrol incomunicado por terra 90 días. A TVG foi a primeira televisión en chegar e informar do suceso.
Era martes e 13. A plataforma Discoverer Entreprise soltábase de Astano por mor dun temporal con refachos de vento de máis de 140 quilómetros por hora. 254 metros de eslora e 19 metros de alto vagando á deriva. Unha das maiores plataformas petrolíferas do mundo que acabou levando por diante máis de cen metros da ponte das Pías.
A TVG e a Radio Galega foron as primeiras en dar conta deste histórico episodio en Galicia en directo, un suceso que acaparou a atención mediática durante meses. Ferrol estivo incomunicada por terra preto de 90 días. A plataforma volveu a Astano arrastrada por sete remolcadores.
Foran semanas dun traballo intenso para retirar todo o lixo dos fondos mariños e para reconstruír a ponte que quedan na memoria de todos os que viviron un impactante suceso que, por sorte, non deixou vítimas.