Falece un home de 48 anos nun accidente entre un turismo e unha furgoneta en Aranga
O falecido e o ferido eran os ocupantes de senllos vehículos
Un home de 48 anos faleceu este luns á noite tras producirse un accidente entre un turismo e unha furgoneta na N-VI ao seu paso pola localidade coruñesa de Aranga.
Segundo informaron fontes do 061, foi minutos antes das 23:00 horas cando a central de coordinación de urxencias sanitarias de Galicia recibiu a alerta do suceso, ocorrido na zona da parroquia de Vilarraso.
O accidente acontecía no quilómetro 553 da estrada N-VI. Na zona comprendida entre Montesalgueiro e a Castellana. Todo parece indicar que un turismo que circulaba en dirección Lugo saíu da estrada e foi bater contra unha furgoneta no lado do condutor. Estaba estacionada fóra da beiravía ou intentaba incorporarse a circulación.
No tramo hai unha curva, pero non ten un trazado complicado, polo que nun primeiro momento pódese pensar que a causa está nunha distracción ou despiste. O impacto disparou o sistema de chamada automática de emerxencia do coche que informou ao 112 do sinistro. Mobilizaron aos bombeiros de Betanzos, aos equipos de emerxencias de Curtis, a Tráfico e tres ambulancias, unha UVI Móbil e dúas de soporte vital básico.
Cando chegaron ao lugar atoparon un condutor en cada vehículo. Nin os bombeiros, nin os equipos de emerxencias tiveron que empregar medios mecánicos para sacar as dúas persoas feridas, xa que non estaban atrapadas. Iso si, colaboraron so seu traslado. Un deles falecía no punto do accidente malia os esforzos dos equipos sanitarios. Outro estaba ferido, aparentemente non de gravidade, e trasladárono ao hospital da Coruña en ambulancia.
Os servizos de conservación de estradas estiveron limpando a zona do accidente. Tráfico está a investigar as circunstancias nas que se produciu o sinistro. Non transcendeu o resultado do test de alcol e drogas do condutor sobrevivente.
#AXEGAInforma da colisión dun turismo e unha furgoneta na N-VI, ao paso por #Aranga.
— 112Galicia (@112Galicia) January 10, 2023
Unha persoa faleceu e outra resultou ferida. Ambos os dous únicos ocupantes de senllos vehículos.
Interviñeron: Urxencias Sanitarias, #BombeirosBetanzos, GES de Curtis, @guardiacivil de Tráfico pic.twitter.com/KwmVssFkQs