Falece un veciño de Ourense nun accidente de moto na Manchica

Un veciño de Ourense morreu este sábado pola tarde nun accidente de moto que se rexistrou na OU-540 na parroquia de Manchica, no concello da Merca.
O home duns 50 anos falecía no sinistro tras írselle da vía a moto que pilotaba. O aviso doutros condutores permitiu mobilizar un equipo de urxencias do 061 que comunicou que se trasladaba ata o lugar o helicóptero medicalizado con base en Ourense.
Colaboraron para apoiar os profesionais sanitarios e para manter as condicións de seguridade na estrada os Bombeiros da Mancomunidade Terras de Celanova, efectivos de Protección Civil de Celanova e axentes da Garda Civil de Tráfico que se fixeron cargo das investigacións sobre as causas do accidente.
Tamén se desprazou á zona un equipo de mantemento de estradas para a limpeza.