Falece un menor de 15 anos dous días despois de sufrir un accidente de tráfico en Narón
O rapaz, veciño de Valdoviño, ía en bicicleta e bateu contra un coche
Foi trasladado ao hospital de Ferrol e de alí ao da Coruña, onde morreu
.jpg)
Un adolescente de 15 anos de idade, veciño de Valdoviño, faleceu como consecuencia das graves secuelas sufridas tras un accidente de tráfico ocorrido na tarde do pasado martes, 23 de setembro, na parroquia de Sedes, no municipio de Narón.
O sinistro tivo lugar na estrada do Esperón, cando o menor, que viaxaba en bicicleta, chocou cun vehículo. Tras o accidente, o mozo foi evacuado inicialmente nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol e, posteriormente, foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde finalmente faleceu nas últimas horas.
A perda do menor causou unha gran conmoción en Ferrolterra. O adolescente era alumno do CPI Atios de Valdoviño e exercía como un dos porteiros do equipo de fútbol de Meirás, na mesma localidade.