Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno aboará antes de fin de ano as axudas polos incendios e pídelle fondos á UE

O Goberno aboará antes de fin de ano as axudas polos incendios e pídelle fondos á UE

Planas di que o decreto irá ao Consello de Ministros no mes de outubro

O ministro de Agricultura reclámalle á Unión Europea fondos para os gandeiros e agricultores afectados polos incendios deste verán

As axudas xorden "como complemento" das presentadas pola Xunta de Galicia

O ministro de Agricultura e a conselleira de Medio Rural, este xoves na Rúa (EFE/Eliseo Trigo)
G24.gal 25/09/2025 15:34

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciou que o Goberno prevé pagar antes de que acabe o ano as axudas a agricultores e gandeiros afectados polos incendios forestais do verán. O decreto, dixo, irá ao Consello de Ministros no mes de outubro.

Así o trasladou na súa visita á Adega Alan de Val, no Barco de Valdeorras (Ourense), onde estivo acompañado pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez; o portavoz parlamentario do PSdeG, José Ramón Besteiro; ou o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos. Todo iso tras chegar desde Tremor de Arriba, León, onde visitou, tamén, explotacións gandeiras afectadas polos incendios.

Na súa visita a Galicia, Planas recalcou que se complementará "todo o aboamento" da prima de seguro agrario "nunha axuda ata o máximo legal posible", o 70 %, como complemento ás axudas da Xunta. Así mesmo, incidiu na necesidade de "animar á subscrición" ao seguro agrario como un "grande instrumento" para "defenderse en situacións extraordinarias".

A continuación, o ministro de agricultura destacou unha segunda liña de axudas baseada nun aboamento directo dun 20 % dos ingresos declarados, "xa sexa en IRPF" ou "en Imposto de Sociedades por Persoas Físicas" ou "Persoas Xurídicas".

Un 20 % de subvención que, engadiu, "será un mínimo de 1.500 euros" e "un máximo de 10.000 euros", en explotacións agrarias e gandeiras dos municipios que "sufrisen grandes incendios durante este verán" e que "figuran no acordo" aprobado en Consello de Ministros o pasado 26 de agosto.

Así mesmo, aqueles que "teñan subscrito unha póliza de seguro agrario", "terán un mínimo de 6.000 euros". Todas elas, axudas que "non fará falta solicitar", segundo ratificou Planas, que engadiu que "entre novembro e decembro" identificarase e publicará "a lista de resolucións" para que "se hai algunha reclamación ou aclaración, póidase facer", e recalcou que se abonarán "antes do final de ano".

Planas engadiu que todas as axudas xorden "como complemento" das presentadas pola Xunta de Galicia e trasladou, ademais, que o Ministerio non quere "entrar en ningún tipo de competencia política" porque "o importante son os agricultores e gandeiros".

"Confianza no presente e no futuro"

Planas puxo en valor, ademais, o "traballo de agricultores e gandeiros" que "merecen un recoñecemento" que "debe poñerse en práctica" mediante "o apoio, as axudas e o traballo", e subliñou a "confianza" do Goberno de España "no presente e no futuro".

A continuación, lamentou as "370.000 hectáreas" que foron calcinadas "no conxunto de España", das cales "30.000 hectáreas son hectáreas agrícolas".

A Xunta lembra as "oito liñas de axudas"

Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, lembrou as "oito liñas de axudas" postas en marcha pola Xunta tras os incendios, das cales "catro son para o sector agrogandeiro" incluído o sector do viño, e "outras catro para o sector forestal".

"Estamos a recibir todas esas solicitudes e avaliando os danos que tiveron todos os sectores", engadiu.

Axudas que "tentan chegar" a todos os sectores, "non só aos profesionais", senón tamén "a moitos que exercen a agricultura e a gandería como unha segunda actividade" porque "fan un labor esencial" para "soster os pobos e aldeas".

"Estou segura de que o Ministerio saberá entender tamén a necesidade, non só do momento, senón de fronte ao próximo ano" recalcou Gómez, e trasladou, ademais, a necesidade de "recuperar os viñedos afectados", para o que "haberá que poñer encima da mesa outras medidas de axuda".

O ministro de Agricultura reclámalle á Unión Europea fondos para os gandeiros e agricultores afectados polos incendios deste verán. Planas dixo que serán un complemento ás axudas estatais que se aboarán a finais deste ano. Desde a Consellería do Medio Rural pídenlle ao Goberno de España estar á altura para a recuperación total das zonas afectadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade