Publicador de contidos

Publicador de contidos

O exalcalde Sánchez Bugallo declara como testemuña polo caso Desproi

O exalcalde Sánchez Bugallo declara como testemuña polo caso Desproi

O investigado no caso é José Manuel Pichel, que cando era edil formaba parte do accionariado de Desproi, á que a concellería que el dirixía adxudicou un contrato

 

O que fora rexedor en dous períodos xa non exerce ningún cargo público O que fora rexedor en dous períodos xa non exerce ningún cargo público
G24.gal 25/09/2025 15:01

O exalcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo acudiu este xoves ao Xulgado de Instrución número 1, na capital galega, para declarar como testemuña no caso Desproi, que propiciou a dimisión do entón concelleiro de Medio Rural José Manuel Pichel, tras coñecerse que formara parte do accionariado da empresa á cal se lle adxudicou un contrato para albergar servizos da concellería que el dirixía.

Así, Bugallo, que non exerce actualmente ningún cargo público tras deixar a súa acta como senador, foi citado para declarar ante a titular do xulgado, Ana López-Suevos, ás 11:45, e abandonou a sala de vistas B pouco menos dunha hora despois. Á saída da comparecencia, o exalcalde non quixo dar ningunha declaración nin responder as preguntas da prensa.

En concreto, o caso da compañía Desproi Patrimonial S.L. remóntase ao ano 2021, cando Bugallo presidía a corporación municipal e a Xunta de Goberno Local. José Manuel Pichel era, naquel momento, o concelleiro de Medio Rural e dimitiu tras descubrirse que este era socio de Desproi a través doutra empresa, chamada Gaia.

Os feitos indican que Desproi fora contratada polo consistorio compostelán para trasladar as oficinas de Medio Rural e Parques e Xardíns, despois de que estes departamentos fosen desaloxados da súa anterior localización, na antiga estación de autobuses.

O exconcelleiro Manuel Pichel, que no aquel entón era membro do grupo de goberno socialista, é actualmente a único figura como imputado na investigación sobre o alugueiro dunha nave a Desproi. A empresa en que o exconcelleiro era socio alugou as instalacións dunha nave no polígono de Costa Vella para situar as entón novas oficinas dos departamentos municipais.

Cando deixo o goberno municipal, Pichel declarou cometer un "erro considerable" ao "non comunicar ao alcalde Bugallo nin ao resto da Xunta de Goberno" a súa participación en Desproi, aínda que, segundo el, fíxoo "sen mala fe".

O PP de Santiago de Compostela foi quen presentou a denuncia que abriu a vía xudicial do caso Desproi e que, en principio, fora dirixida a "todos os membros da xunta de goberno local".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade