Pedro Sánchez quere optar á reelección en 2027
Nunha entrevista no canal Bloomberg, o presidente asegura que xa falou do asunto coa familia e o partido
A vicepresidenta Yolanda Díaz evita pronunciarse sobre a continuidade de Sánchez e a súa propia
Nunha entrevista en Bloomberg, Pedro Sánchez asegurou que quere optar á reelección en 2027 e que xa falou do tema coa súa familia e co seu partido.
Membros do seu gabinete, como Óscar López e Pilar Alegría, celebraron este xoves a súa decisión. Para a voceira do Goberno, "non é que só se vaia presentar, é que imos gañar".
Pola contra, no PP están convencidos da súa derrota e cren que, se se presenta, é para defenderse da xustiza. Segundo Alberto Núñez Feijóo, o presidente "necesita o aparato do Estado para defenderse dos problemas xudiciais que ten na súa casa, no seu Goberno e no seu partido".
Dende Nova York, Pedro Sánchez volveu insistir na inocencia do seu irmán e da súa muller. E coma el, hoxe saíron á palestra outros socialistas. Para o expresidente José Luis Rodríguez Zapatero, no caso de Begoña Gómez "non hai nada de nada".
Óscar López, ministro para a Transformación Dixital, cualificou a instrución levada a cabo polo xuíz Peinado de "ridícula" e "espantosa", ao tempo que se pregunta "cantas decisións tomou xa o xuíz Peinado que son absolutamente estrambóticas, contrarias a dereito".
Tamén hai novidades no caso do fiscal xeral do Estado. García Ortiz pediulle ao Supremo a súa absolución mentres o tribunal publicou os nomes dos setes maxistrados que o van xulgar. A maioría son considerados conservadores.
A vicepresidenta Yolanda Díaz evita pronunciarse sobre a continuidade de Sánchez e a súa propia
A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, evitou pronunciarse sobre a súa posible presentación como candidata á Presidencia do Goberno e ao redor da opción de que Pedro Sánchez tamén aspire á reelección como xefe do Executivo nunha próxima convocatoria electoral.
"Non estou nestas", respondeu a preguntas dos xornalistas durante unha visita ao estaleiro de Navantia Ferrol, onde eludiu facer unha valoración sobre as pretensións do líder do PSOE ao indicar que é "o que me faltaba a min, que eu valore as decisións que toman dirixentes políticos".