Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mahmud Abás: "Non imos irnos da nosa terra"

Mahmud Abás: "Non imos irnos da nosa terra"

Abás ante a ONU: "O que fai Israel en Gaza non é unha agresión, é un crime de guerra"

"A pesar do que pasou o noso pobo, rexeitamos os actos de Hamas", asegura o presidente da Autoridade Nacional Palestina

Mahmud Abás, nunha intervención por videoconferencia na Asemblea Xeral da ONU (Efe) Mahmud Abás, nunha intervención por videoconferencia na Asemblea Xeral da ONU (Efe)
G24.gal 25/09/2025 17:07

O presidente da Autoridade Nacional Palestina (ANP), Mahmud Abás, asegurou este xoves ante a Asemblea da ONU que os palestinos non van irse da súa terra e que "chegou a hora de que a comunidade internacional faga o correcto con Palestina" para que deixe de estar baixo a ocupación ilegal de Israel.

"Non imos irnos da nosa terra. Os nosos pobos quedarán enraizados como as árbores, como as rocas. Rexurdiremos de debaixo dos entullos para reconstruír", asegurou Abás, que agradeceu aos países que recoñeceron nos últimos días o Estado de Palestina e instou o resto de nacións a facer o mesmo.

"O noso pobo non esquecerá esta postura nobre que tomaron", dixo tras enumerar un a un os países que se sumaron ao recoñecemento, entre eles Francia, o Reino Unido, O Canadá, Bélxica e Australia.

Abás, afirmou que o que fai Israel na Franxa de Gaza "non pode caracterizarse como unha mera agresión, senón dun crime de guerra, de lesa humanidade".

Segundo Abás, que interveu por videoconferencia polo veto estadounidense aos visados da ANP, "non se poderá lograr a paz se non se fai xustiza e non se pode facer xustiza se Palestina non é libre".

Rexeitamento a Hamas

Ademais, amosou o seu rexeitamento ao ataque de Hamas do 7 de outubro de 2023 e a necesidade do desarmamento do grupo islamita.

"A pesar de todo o que sufriu o noso pobo, rexeitamos os actos de Hamas do 7 de outubro de 2023, cando tomaron por branco aos israelís", aseverou o presidente palestino.

"Queremos vivir en liberdade, en seguridade e con paz como os demais pobos do mundo", dixo o presidente do Goberno palestino, que goberna nunha zona limitada do territorio de Cisxordania, a que non está controlada por Israel.

Abás insistiu en que Palestina debe ser "un Estado independente e soberano" con Xerusalén Este como capital, un Estado "moderno, un Estado civil sen armas e extremismo".

"Chegou a hora de que a comunidade internacional faga o correcto respecto a Palestina para que se cumpra o dereito lexítimo de non estar baixo a ocupación (israelí) nin depender das oscilacións políticas en Israel, para poñerlle fin a esta opresión e esta ocupación ilegais", afirmou.

E defendeu que a ANP segue disposta a avanzar coa súa "loita xurídica, pacífica e diplomática" para facer respectar os seus dereitos. "Non importa canto sangren nosas feridas, nin canto dure o sufrimento", engadiu. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade