A nova depuradora de Sada terá capacidade para dar servizo a 30.500 persoas
A Xunta de Galicia investirá 12,6 millóns de euros nesta obra
A nova depuradora de Sada terá capacidade para dar servizo a 30.500 persoas no horizonte de 2044, tal e como explicou este xoves o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita ás obras de ampliación desta infraestrutura. O Goberno galego investirá 12,6 millóns de euros nesta obra, que incorporará tecnoloxía innovadora para adaptarse ás novas esixencias ambientais.
O reto do proxecto é construír "unha depuradora do futuro" no mesmo espazo que ocupa no porto a que se fixo hai 20 anos. O obxectivo é pasar de dar servizo a 20.000 persoas a 30.500 neste concello de gran potencial turístico, que amplía a poboación do verán.
O presidente da Xunta destaca que a depuradora incorpora tecnoloxías avanzadas, como un reactor biolóxico que permitirá tratar un 50 % máis de carga contaminante nun 40 % menos de espazo. Os traballos de ampliación comezaron o 1 de xuño e prevén que duren 30 meses.
Alfonso Rueda dixo que esta obra é un exemplo do compromiso da Xunta coa calidade das augas en Galicia. O xefe do Goberno galego tamén puxo este proxecto como mostra da colaboración institucional, xa que a Xunta financia a construción e o Concello de Sada, o seu mantemento.