Absolto o alcalde de Oleiros dos delitos contra o patrimonio histórico en concurso co de prevaricación
Absolto o alcalde de Oleiros dos delitos contra o patrimonio histórico en concurso co de prevaricación
Os delitos polos que foi procesado Ángel García Seoane eran os derivados da demolición da coñecida como Casa Carniceiro que sufrira un importante incendio meses atrás
Dos mesmos delitos que o rexedor tamén foi absolto un arquitecto técnico do Concello
A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña non é firme, cabe recurso

A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolveu ao alcalde de Oleiros e a un arquitecto técnico do Concello do delito contra o patrimonio histórico, en concurso cun delito de prevaricación, do que foron acusados como consecuencia da execución das obras para demoler, o 31 de decembro de 2020, o que restaba da Casa Carniceiro, que no mes de xullo dese ano sufrira un importante incendio.
"O tribunal asegura na sentenza facilitada este martes á prensa que “existen dúbidas incompatibles coa fehaciencia necesaria para enervar a presunción de inocencia e considerar concorrente a existencia dun elemento subxectivo por parte dos acusados de actuar vulnerando de forma flagrante o ordenamento aplicable”.
“A acción castigada é, de maneira sinxela, a prevaricación pola que se pode chegar a destruír parte do patrimonio histórico pola intervención de funcionarios que, coas súas decisións ilícitas, favorezan tal ruína”, explica a Sala na sentenza.
A Audiencia Provincial estima que os problemas para a súa aplicación “xorden desde o punto de vista do obxecto material sobre o que ha de recaer aquel comportamento, e que son os edificios singularmente protexidos, natureza que non é apreciable neste suposto”.
Os maxistrados explican na sentenza que a Casa Carniceiro “non ten a condición de especial protección” que se esixe para a comisión do delito que se lles imputa.
“Habemos de concluír que o edificio non foi obxecto dunha singular protección, nos termos do artigo 9 da Lei 16/1985, pois non foi declarado de forma individualizada como ben de interese cultural”.
Unha vez descartada a modalidade de prevaricación especial, a Sala analiza na sentenza se é apreciable a modalidade ordinaria de prevaricación administrativa do artigo 404 do Código penal.
“A xurisprudencia, como xa é máis que coñecido, esixe que para que exista o delito de prevaricación administrativa dolosa, deba concorrer o ditado dunha resolución inxusta adoptada ‘a propósito’, contravindo de forma total e absoluta o ordenamento xurídico e que non poida atopar ningún apoio nunha interpretación minimamente razoable da norma realizada cos métodos usualmente admitidos, resultando así unha resolución que ao carecer da mínima xustificación deba ser cualificada como arbitraria”.
Neste caso, os xuíces afirman que a demolición finalmente executada “requiría da autorización previa da Xunta de Galicia”, así como que iso “era coñecido, e asumido, polo alcalde agora imputado”.
Ademais, recalcan que “é igualmente incuestionable que dita autorización non foi concedida” e que “asistimos a unha demora por parte do Concello en levar a cabo as obras de conservación do edificio”. A Audiencia indica que dita demora “vén facer máis rechamante, por así dicilo, a frenética actuación municipal os tres últimos días do ano 2020”, que derivou na demolición.
Con todo, o tribunal subliña que as dúbidas que provocan a absolución dos acusados “derivan das aseveracións de varios técnicos que, aínda que existise o requirimento autonómico á rehabilitación do edificio, iso puidese presentarse como unha proposta máis teórica que real”.
Non chegamos á conclusión, coa fehaciencia necesaria, de que esa acción e o resultado producido pola actuación agora imputada poida ser considerada como unha conduta determinada para impoñer arbitrariamente o mero capricho da autoridade municipal aquí acusada, prexudicando ao cidadán afectado (ou aos intereses xerais da Administración Pública, eliminando arbitrariamente a libre competencia) nun inxustificado exercicio de abuso de poder”, sinala a Sala.
E resolve á vez que engade que “podemos estar ante unha actuación formalmente irregular, clandestina ou opaca, para remediar unha previa inacción do propio consistorio e dos seus responsables, pero non inxusta nin groseiramente contraria a Dereito”. Por todo iso, absolveu os acusados.
A sentenza non é firme, pois cabe presentar recurso ante o TSXG.