Recuperan en Lugo a furgoneta roubada a Protección Civil de Negreira
Apareceu abandonada no Polígono do Ceao e sospéitase que puideron usala para outros roubos
Cinco encapuchados a roubaran a pasada semana xunto con outros materiais do Concello de Negreira
Despois duns días en paradoiro descoñecido, a furgoneta de Protección Civil de Negreira regresa á casa. O propio alcalde encargouse de traela de volta desde Lugo, onde a deixaron abandonada e desvalixada, pero en bo estado para circular.
"Por sorte apareceu sen danos cuantiosos. Púxose en contacto comigo a Policía Nacional de Lugo, que a atoparan na madrugada do venres nunha rúa preto do Polígono do Ceao de Lugo", explica Manuel Ángel Leis, alcalde e presidente de Protección Civil de Negreira.
Coñécese que os que a roubaron usárona para seguir cometendo roubos. Nada mellor para non xerar sospeitas ca un vehículo rotulado de Protección Civil.
"As forzas e corpos e seguridade sospeitan iso, que a usaron neses días para cometer outros roubos".
O que aínda non apareceu foi o remolque, que os ladróns cargaron con material de iluminación pública e limpeza. Un botín valorado en 70.000 euros, que agora o Concello recupera parcialmente.
"Deses 70.000 euros o valor máis importante era o deste vehículo, valorado nuns 40.000 euros. Pero falta o remolque, valorado nuns 15.000 euros e todo o material que fomos botando en falta desde o roubo, fomos facendo inventario do que faltaba na nave".
Non confían en atopar ese material, posiblemente vendido xa no mercado negro, pero si en que apareza o remolque e que os axentes dean con culpables. Ao parecer, a toma de mostras biolóxicas do vehículo e as cámaras de seguridade deron os seus froitos e a policía podería localizalos nas próximas horas.