Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece Sidney Poitier, o primeiro actor negro en gañar un Óscar

Falece Sidney Poitier, o primeiro actor negro en gañar un Óscar

Faleceu aos 94 anos na súa casa de Bahamas

O actor levou o premio no ano 1963 polo seu papel en 'Lilies of the Field'

G24.gal 07/01/2022 17:17

Sidney Poitier, o primeiro actor negro en gañar un premio Óscar como actor protagonista dunha película, faleceu este venres aos 94 anos en Bahamas, informan fontes do arquipélago.

Era un premio á mellor interpretación. Foi un premio á loita contra as barreiras raciais nun cine tan segregado como os EEUU da época. 

Poucos anos despois converteríase en toda unha estrela da industria. Con películas que mostraron a división estadounidense en cuestións de cor pero coa necesidade de atopar un heroe, tamén na gran pantalla, que rachara coa inxustiza do momento.

Ese foi el, Sidney Poitier, o xenro amable e galán en 'Adiviña quen vén cear esta noite', o profesor dun dos barrios máis baixos de Londres, o policía negro de Filadelphia acusado de asasinar un home branco. 

Sidney Potier foi tantos personaxes como películas houbo na súa vida, máis de 50. Tamén se aventurou coa dirección. No ano 2002 recolle o seu segundo Óscar, este honorífico, como recoñecemento á súa carreira. Entregoullo Denzel Whasington, o seu gran sucesor no cine americano.

Icona en Hollywood, icona na sociedade afroamericana. En 2009 o daquela presidente dos EEUU concedíalle a medalla Presidencial da Liberdade. Anos antes foi embaixador das Bahamas no Xapón. Embaixador das illas onde creceu, malia nacer accidentalmente en Miami, das illas onde seus país foron campesiños.

Do país que marchou para buscar oportunidades. Nas mesmas illas onde morreu aos 94 anos. Non transcenderon as causas do seu pasamento. Imaxinámolo tranquilo, elegante, coa mesma pose de dignidade que mantivo sempre dentro e fóra da pantalla. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos