Falece no hospital a rapaza acoitelada na Coruña polo seu compañeiro de piso
A moza faleceu esta madrugada pola gravidade das feridas que presentaba
O home continúa detido en dependencias policiais
Detido un mozo na Coruña por un presunto intento de homicidio a unha compañeira de piso
Os feitos ocorrían contra as dúas da tarde deste sábado. Ao parecer, tras unha discusión, o mozo, presuntamente, feriu unha compañeira de piso no pescozo cunha arma branca. A moza fora trasladada ao CHUAC en estado grave. Esta madrugada falecía pola gravidade das feridas, segundo confirmaron fontes do centro sanitario.
O agresor tamén tivo que ser atendido polos servizos de urxencias e atópase en dependencias policiais. Segundo fontes da Policía Nacional, non está previsto que pase hoxe a disposición xudicial.
A investigación segue aberta, pero en principio descártase que sexa un caso de violencia machista, xa que a vítima e o agresor non son nin foron parella.
Amais do 061 e a Policía Nacional, á zona tamén se trasladaron os bombeiros. No transcurso da pelexa, un dos implicados, prendeulle lume a un colchón. O lume provocou unha fumareda grande, que axiña se fixo visible desde a rúa.