Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece en Madrid aos 77 anos o cantautor cubano Pablo Milanés

Falece en Madrid aos 77 anos o cantautor cubano Pablo Milanés

Levaba ingresado dez días por un cadro clínico secundario a unha enfermidade oncohematolóxica que sufría desde hai varios anos

Pablo Milanés tivo un forte vínculo con Galicia e mesmo viviu aquí varios anos. Estivo en Galicia no 2003 cantando no concerto solidario pola marea negra do Prestige

O cantautor cubano estivo en varias ocasións no programa 'Luar' da TVG, entre outros. No vídeo interpreta en galego "Aí ven o maio" con Luís Emilio Batallán.

G24.gal 22/11/2022 07:34 Última actualización 22/11/2022 14:50

O cantautor cubano Pablo Milanés morreu esta noite aos 77 anos tras permanecer ingresado en Madrid durante máis dunha semana, informaron medios oficiais.

Milanés, unha das voces máis recoñecidas da música cubana, foi fundador e artífice do son da Nueva Trova xunto a outros recoñecidos artistas como Silvio Rodríguez e Noel Nicola. Autor de clásicos como 'Yolanda', Milanés publicou máis de 40 discos ao longo da súa carreira e obtivo, entre outros, o Premio Nacional de Música de Cuba e o Grammy Latino á Excelencia Musical.

O cantautor cubano tivo un forte vínculo con Galicia, mesmo viviu aquí varios anos. Tamén estivo en varias ocasións en programas de Televisión de Galicia, entre eles o 'Luar'. Nos programas interpretou os seus temas, que son himnos, pero tamén cantou en galego. Emocionante, queda para o recordo, a súa interpretación en galego de 'Aí ven o maio' con Luis Emilio Batallán.

Pablo Milanés tamén estivo en Galicia no 2003 cantando no concerto solidario pola marea negra do Prestige

O cantautor cubano foi hospitalizado o 12 de novembro en Madrid polos "efectos dunha serie de infeccións recorrentes que nos últimos tres meses viñeron afectando o seu estado de saúde", segundo un comunicado de entón da súa oficina artística. A partir dese momento suspendeu varias actuacións que tiña previstas en Pamplona, Cidade de México e Santo Domingo.

"Esta situación clínica —engadía a nota— é secundaria a unha enfermidade oncohematolóxica que sofre desde hai varios anos e que lle esixiu instalarse en Madrid" a finais de 2017 para recibir tratamento. O comunicado explicaba: "De momento foi necesario cancelar os concertos previstos nas próximas semanas e suspender toda a súa actividade artística mentres dure esta circunstancia".

Pablo Milanés xa tivo que cancelar en setembro pasado algún concerto. Unha das súas últimas actuacións en directo foi en xuño pasado na Habana. 

Agora, desde Galicia, Luar na Lubre prepara a estrea dunha canción inédita co cantautor cubano.

Pablo Milanés desde a súa conexión coa música galega

Creador de cancións inolvidables como Yolanda, Ámame como soy ou El breve espacio en que no está. Músico admirado no noso país, pero sobre todo venerado en Cuba. 

Milanés foi autor e intérprete de máis de 40 traballos discográficos, varios centos de composicións que van desde o amor á revolución. Temas non tan afastados, que tiñan á súa illa de nacemento, Cuba, no centro. As súas cancións serviron de ponte entre xeracións de cubanos. Pablo era Cuba, e nas súas composicións levou tamén por bandeira a revolución.

Compartiu escenario case con todos os grandes artistas dos 70, 80 e 90, desde Serrat, Silvio Rodríguez, Mercedes Sosa... ata Luar na Lubre. Coa agrupación folk gravou recentemente unha canción inédita, pendente de estrearse, como comentou Bieito Romero no Diario Cultural da Radio Galega. 

No programa falou tamén Uxía Senlle, que o coñeceu no persoal e no musical, e que compartiu escenario con el en diversas ocasións. A música destacou o concerto solidario pola marea negra do Prestige celebrado en Santiago no 2003, onde cantou Milanés, entre moitos outros persoeiros da cultura. Son algunhas das conexión musicais entre Pablo Milanés e Galicia.

 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar