Belén Rubido, xuíza especialista en violencia machista: "Xa non é un asunto doméstico, é un asunto de todos e todas"
Belén Rubido, xuíza especialista en violencia machista: "Xa non é un asunto doméstico, é un asunto de todos e todas"
Belén Rubido, xuíza especialista en violencia machista: "Xa non é un asunto doméstico, é un asunto de todos e todas"
"O control agora xa non é só físico, que tamén, senón control emocional e dixital", explica a maxistrada do Xulgado Penal número 4 de Pontevedra
A primeira lei integral contra a violencia de xénero aprobouse en 2004, e foi o punto de partida para visibilizar, previr e protexer as vítimas da violencia machista. Dende aquela denúnciase cada ano máis que o anterior pero, nestas dúas décadas foron aumentando tamén os xeitos de exercer a violencia sobre as mulleres.
Belén Rubido, maxistrada do Xulgado Penal número 4 de Pontevedra, fala da violencia vicaria ou das agresións contra a intimidade na esfera dixital. "Coaccionalas, utilizar imaxes íntimas sen consentimento, forzar a súa vontade esixindo -por exemplo- os contrasinais do seu correo ou das redes sociais", enumera. "O control agora xa non é só físico, que tamén, senón control emocional e dixital", di.
Na súa sala ve entre 400 e 500 casos ao ano. Son procesos duros, pero destaca que o sistema tenta acompañar e protexer a vítima. "Dende o primeiro momento, incluso antes de que queiran poñer a denuncia, teñen asistencia xurídica gratuíta por unha quenda especializada de letrados e letradas que as asiste", explica. As vítimas "teñen dereito a unha orde de protección, ou a que se acorden medidas civís respecto dos seus fillos e fillas".
E lembra que as agresións machistas son delitos perseguibles de oficio, así que o xuízo irá adiante malia que a vítima retire a denuncia. "Hai moitos casos en que puiden condenar grazas a que houbo xente que declarou no xuízo, e elas non quixeron ou vir ou denunciar", relata. E conclúe: "a violencia de xénero xa non é un asunto doméstico, é un asunto de todos e todas".
Por iso chama a combatela dende todos os ámbitos. Mirar atrás dálle certo optimismo: "é un sistema que está moi arraigado, non hai tanto que claramente prexudicaba as mulleres, e pouco a pouco está transformándose a sociedade", di Rubido. Para ela, cando remate "esta lacra", a sociedade será "máis xusta e máis igualitaria".