Dan por extinguido o incendio que obrigou a desaloxar varios edificios en Ribadeo
Os bombeiros de tres parques comarcais de Galicia e Asturias traballaron para evitar que as lapas se propagasen a unha imprenta
Un incendio declarado nun baixo en obras da rúa Carlos III, no centro de Ribadeo, obrigou a desaloxar as vivendas de varios edificios. Debido aos materiais almacenados, acadáronse altas temperaturas e formouse unha gran fumareda negra.
A virulencia das lapas fixo necesaria a intervención dos bombeiros dos parques de Ribadeo e de Vilalba, ademais do asturiano de Barres, que trataron de evitar que o lume se propagase ata unha imprenta situada na rúa San Roque.
"As lapas non chegaron ata alí porque o primeiro que se fixo foi conter para evitar que entrasen na imprenta, cun material moi inflamable. A carga térmica era brutal, cun acceso case imposible, polo que se foi intentando refrixerar canto se puido", explica Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros.
A medida que o lume foi remitindo, os bombeiros e as motobombas de Ribadeo e de Mondoñedo foron regresando ás súas bases. Así e todo, unha vez extinguido o incendio, varias dotacións do parque de Barreiros ocúpanse de controlar que as lapas non reaviven.
"Agora mesmo está todo apagado. Apenas hai temperatura xa, pero si hai pequenas fumaredas. O que imos facer é deixar un retén para relevar o persoal da noite e mais revisar o incendio e os danos colaterais que puido causar", sinala Fernando González.
Segundo a Policía Local de Ribadeo, catro das vivendas evacuadas polo momento non poderán volver ocuparse.