Galicia mantén dous incendios activos tras controlar boa parte dos grandes focos
O incendio de Carballeda de Valdeorras está estabilizado e os de Oímbra e A Mezquita quedaron controlados durante a noite
Extinguido o incendio da Fonsagrada e activos os da Pobra do Brollón e Avión

Galicia mantén este xoves dous incendios activos, os da Pobra do Brollón e Avión (Ourense), tras unha noite en que a melloría das condicións meteorolóxicas permitiu controlar grandes incendios que permanecían estabilizados nos últimos días.
O lume que empezou o luns na Pobra do Brollón, parroquia de Abrence, segue activo con 900 hectáreas queimadas, segundo o balance de Medio Rural. Por este incendio segue interrompida a circulación ferroviaria entre San Clodio-Quiroga e A Pobra do Brollón, da liña Monforte de Lemos-Ponferrada.
Tamén está activo o lume de Avión-Nieva, que afectou unha superficie estimada de 250 hectáreas.
O mércores estabilizouse o incendio Carballeda de Valdeorras-Casaio, que afectou a montaña máis alta de Galicia (Pena Trevinca), tras calcinar 5.000 hectáreas desde que entrou na comunidade galega procedente de Zamora. Ademais, estabilizouse onte o da Fonsagrada, que onte á noite quedou extinguido tras queimar 53,47 hectáreas.
A mellora das condicións meteorolóxicas, cun descenso das temperaturas e choiva nalgunhas zonas, permitiu onte á noite dar por controlados varios dos grandes incendios que permanecían estabilizados nos últimos días.
É o caso do de Larouco, o máis grande da historia de Galicia con 30.000 hectáreas queimadas, e de dous dos tres focos do de Chandrexa de Queixa (19.000 ha), mentres permanece estabilizado o foco de Vilariño.
Outros que se controlaron son os de Oímbra e Xinzo de Limia (17.000 ha); A Mezquita-A Esculqueira (10.000 ha), e Carballeda de Avia e Beade (4.000 ha).
Os incendios de Maceda (3.500 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (900 ha) seguen controlados.