Exportacións paralizadas en Aceites Abril polo paro do transporte
Non están recibindo cartón, nin botellas, nin tampouco materia prima
A actividade está reducida ao mínimo na fábrica
Unha situación complexa que se reproduce no sector das conserveiras
O paro do transporte afecta cada vez máis industrias. A fábrica de Aceites Abril, en Ourense, reduciu a actividade ao mínimo, e ten totalmente paralizadas as exportacións. Estamos na maior empresa aceiteira de Galicia. Aquí prodúcense diariamente seiscentos mil litros de aceite.
Dende que comezou o paro do transporte a produción reduciuse a tan só un 25 por cento do habitual. O motivo é que non entra materia prima coa que poder traballar e tampouco sae case mercadoría, que se amorea en almacéns coma este, pendente de que se normalice a situación.
Non reciben cartón nin botellas nin materia prima, por iso nesta fábrica a actividade reduciuse ao mínimo.
"Estamos nun 25 % da produción. Estamos con labores de mantemento, de existencias para cando se poidan enviar os pedidos. O almacén está ateigado de palés con seguridade que tamén tivemos que contratar", Elena Pérez Canal, directora de Mercadotecnia de Aceites Abril.
Unha situación complexa que se reproduce no sector das conserveiras.
Isto únese ao encarecemento dos custos de produción, que subiron un 50 por cento no que levamos de ano, e que pode afectar as vendas unha vez se recupere a normalidade.