A explosión na embaixada dos EUA en Oslo foi un "ataque selectivo"
A policía descoñece a autoría e a motivación da agresión que non deixa persoas feridas nin danos graves
A policía norueguesa tenta determinar a autoría do ataque perpetrado esta madrugada contra a embaixada dos Estados Unidos en Oslo.
Houbo unha forte explosión, que sacudiu a entrada principal da legación diplomática, e provocou unha gran columna de fume. Non se rexistraron danos persoais e o materiais son menores.
Dende o servizo de resposta de emerxencia noruegués rexeitaron relacionar o incidente coa guerra de Irán ata que se investigue o acontecido en profundidade.
As forzas de seguridade consideran que foi un "ataque selectivo", pero descoñecen a motivación e, polo momento, non hai persoas sospeitosas.
"Un incidente grave. O uso de explosivos -dun artefacto explosivo- , dirixido de maneira selectiva contra a embaixada", resumiu Grete Lien Metlid, xefa dos servizos operativos conxuntos da policía de Oslo, citada pola axencia norueguesa NTB nunha rolda de prensa.
A ministra de Xustiza e de Situacións de Emerxencia, Astri Aas-Hansen, declarou a NTB que a explosión se está tomando moi en serio e cualificou o incidente de "inaceptable".