Trump chega a Pequín, na que é a segunda visita de Estado á China desde 2017
O presidente dos EUA foi recibido polo vicepresidente Han Zheng, o encontro con Xi Jinping será o xoves
A tregua comercial, as tensións tecnolóxicas Taiwán e a guerra en Irán son os temas enriba da mesa
O mandatario chegou a bordo do Air Force One ao aeroporto de Beijing. Reuters.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, aterrou este mércores en Pequín ás 19:50 hora local (13:50 hora galega) para desenvolver ata o vindeiro venres unha visita de Estado á China, a súa segunda ao país asiático desde a realizada en 2017 durante o seu primeiro mandato.
Trump, quen viaxa acompañado do secretario de Estado, Marco Rubio, e unha delegación de altos executivos estadounidenses como Elon Musk (Tesla), Jensen Huang (Nvidia) ou Tim Cook (Apple), reunirase este xoves co seu homólogo chinés, Xi Jinping, nunha visita marcada pola tregua comercial entre ambas as potencias, as tensións tecnolóxicas, Taiwan e a guerra en Irán.
O mandatario estadounidense foi recibido a pé de pista polo vicepresidente chinés, Han Zheng, xunto ao embaixador da China nos Estados Unidos, Xie Feng, e o viceministro chinés de Exteriores Ma Zhaoxu, nunha cerimonia de benvida na que participaron uns 300 mozos chineses, alén dunha banda militar e unha garda de honra.
Trump descendeu do Air Force One ás 20:08 hora local (14:08 hora galega) e levantou o puño ante as cámaras mentres soaba a banda militar antes de dirixirse á caravana oficial. Detrás do mandatario descenderon o seu fillo Eric Trump e a súa nora Lara Trump, seguidos por Musk, Rubio e Huang, integrantes da delegación estadounidense que acompaña ao presidente na visita.
A ruta desde o aeroporto ata o centro de Pequín estaba decorada con bandeiras da China e dos Estados Unidos, mentres varios rañaceos mostraban mensaxes luminosas de benvida á capital chinesa ao paso da caravana presidencial.
A chegada de Trump tamén dominou as redes sociais chinesas, onde temas relacionados coa súa visita ocuparon este mércores cinco das dez principais tendencias de Weibo, o equivalente chinés da plataforma X. A etiqueta 'Trump chega a Pequín' acumulaba ademais máis de 8,3 millóns de visualizacións e uns 26.000 comentarios na plataforma aos poucos minutos da aterraxe.
Entre os comentarios máis salientables en Weibo predominaban mensaxes de benvida e chamadas a unha relación "estable" e de "beneficio mutuo" entre ambas as potencias, en liña coa retórica habitual do Goberno chinés sobre as relacións cos Estados Unidos.
En apenas dous días, Trump afrontará unha concentrada axenda que incluirá reunións bilaterais con Xi, unha cea de Estado e actividades protocolarias en espazos emblemáticos do poder chinés como o Gran Palacio do Pobo e Zhongnanhai, sede da cúpula do Partido Comunista chinés.
A visita prodúcese nove anos despois da anterior viaxe de Trump á China, en novembro de 2017, cando participou xunto a Xi en actos na Cidade Prohibida de Pequín. Ambas as partes buscan agora consolidar a tregua comercial alcanzada tras meses de guerra arancelaria, aínda que persisten disputas sobre tecnoloxía, terras raras e acceso ao mercado chinés.
Antes de partir a Pequín, Trump adiantou que abordará con Xi a situación de Taiwán, illa autogobernada á que Washington vende armamento e Pequín non descarta invadir, e a guerra en Irán, mentres Washington lle mete presión á China para que contribúa a favorecer unha desescalada en Oriente Medio.
Horas antes da aterraxe do presidente estadounidese, o Goberno chinés instou este mércores os EUA a "manexar con prudencia" a cuestión de Taiwán e a "deter" o envío de armamento á illa. Pola súa banda, o líder republicano dixo que pedirá á China "abrir" o país ás empresas estadounidenses.