A China inicia dous días de manobras militares con fogo real no Estreito de Taiwán
As autoridades chinesas prohibiron a navegación na zona mentres duren os exercicios
A China
A China anunciou este xoves dous días de exercicios militares con fogo real no estreito de Taiwán, nunha área situada fronte á costa da provincia de Fujian, segundo informou a Administración de Seguridade Marítima (MSA). As manobras prolongaranse tamén durante a xornada do venres e obrgaron a prohibir a navegación nas zonas afectadas.
Polo momento, nin o Comando do Teatro Oriental de Operacións do Exército chinés, responsable das actividades militares na contorna de Taiwán, nin o Ministerio de Defensa taiwanés se pronunciaron sobre estes exercicios.
A illa chinesa de Dongshan, onde se desenvolven as manobras, xa foi escenario noutras ocasións de simulacros militares, incluídos adestramentos do desembarco anfibio.
As tenións arredor de Taiwán continúan
A última gran despregadura militar chinesa arredor de Taiwán produciuse en decembro do ano pasado, coa operación Misión Xustiza 2025, na que participaron unidades da China, lanzou 27 proxectís cara a augas situadas ao norte e ao sur da illa, dez dos cales impactaron na denominada zona contigua taiwanesa.
Naquela ocasión, o portavoz do Ministerio de Defensa chinés Zhang Xiaogang asegurou que os exercicios eran plenamente lexítimos e necesarios e advertiu de que Pequín respondería con firmeza calquera intento de inxerencia externa, nunha referencia velada aos Estados Unidos e ao Xapón.
Desde entón, Pequín non volvera anunicar unhas manobras militares de grande envergadura, aínda que incrementou a presenza da Garda Costeira e doutras embarcancións oficiais nas inmediacións de Taiwán, especialmente na súa costa oriental.
A China considera Taiwán unha parte irrenunciable do seu territorio e mantén aberta a posibilidade de empregar a forza para asumir o seu control. O Goberno taiwanés rexeita esa postura e defende que só os máis de 23 millóns de habitantes da illa poden decidir o seu futuro político.