Expectación en Oleiros pola colocación da cúpula, de 60 toneladas, no futuro multiúsos
A manobra realízase cun guindastre especial, que require gran destreza e profesionalidade
Numerosos curiosos se achegaron esta mañá ata estas obras do futuro edificio multiúsos de Bastiagueiro para seguir ben de preto a espectacular operación programada para este luns: a colocación da cúpula, que pesa 60 mil quilos, ocupa unha superficie de 1.450 metros cadrados e mide 135 metros de perímetro.
A complexa e vistosa manobra vai lenta. Comezou contra as once da mañá. Dúas horas despois, os operarios afanábanse en nivelar ben a cúpula para poder erguela sen problemas e encaixala sobre o corpo central deste inmoble bautizado como A Colmea, que acollerá todo tipo de eventos culturais, deportivos e sociais.
"Foi pensado con dúas ideas: que tivese pouco impacto visual para que se poida ver o bosque que hai detrás e coa idea democrática de que coa súa forma circular todo o mundo estea á mesma distancia do foco", explica o arquitecto do proxecto, Fernando Martínez.
A Colmea terá unha capacidade para 4.000 persoas, conta cun investimento de máis de doce millóns de euros e está previsto que estea rematada a finais do 2026.