Publicador de contidos

Publicador de contidos

Exolum prevé instalar unha nova terminal enerxética no porto exterior da Coruña

Exolum prevé instalar unha nova terminal enerxética no porto exterior da Coruña

O proxecto ten un presuposto de 100 millóns de euros e podería empezar a operar de xeito gradual en 2029

A compañía sinala que a futura terminal converterá o porto da Coruña nun nó loxístico "de referencia tanto a nivel nacional como europeo"

G24.gal 25/09/2025 12:07

Exolum iniciou os trámites de autorización para a construción dunha nova terminal de almacenamento de líquidos no Porto Exterior da Coruña, na dársena de Punta Lagosteira, que suporía un investimento de máis de 100 millóns de euros, segundo informou a compañía.

En concreto, este proxecto está concibido como unha terminal de transición enerxética deseñada para adaptarse progresivamente á evolución do mercado, a normativa e a demanda industrial, e preparada para operar tanto con produtos convencionais como con combustibles sostibles, como o amoníaco renovable, o CO2 capturado, o metanol verde, o SAF (Sustainable Aviation Fuel) e outros biocarburantes.

A planta, deseñada baixo estritos criterios de seguridade, eficiencia enerxética, automatización e sustentabilidade ambiental, distribuirase en dúas parcelas diferenciadas pero conectadas, cunha capacidade total de aproximadamente 165.000 metros cúbicos repartidos en varios tanques (atmosféricos, crioxénicos e presurizados).

Alí almacenaranse combustibles de baixas emisións, como o amoníaco renovable, o CO2 capturado, o metanol verde, o SAF (Sustainable Aviation Fuel) e outros biocarburantes.

Dada a complexidade da infraestrutura proxectada e da tipoloxía de produtos que se van almacenar, a posta en servizo sería gradual, prevéndose un inicio de operacións en 2029.

A idoneidade do porto exterior da Coruña

Exolum considerou que esta futura terminal convertería o porto da Coruña nun nó loxístico "de referencia tanto a nivel nacional como europeo".

"O porto exterior da Coruña ofrece unhas condicións operativas excepcionais, cunha localización privilexiada, accesibilidade marítima e unha conexión multimodal que o converten nun enclave idóneo para este tipo de proxectos", aseguran desde a compañía.

Exolum estimou que esta instalación contribuiría á competitividade da industria e economía galegas, "favorecendo a creación de emprego cualificado durante a fase de construción e operación e a atracción de investimentos industriais vinculados á descarbonización do sector e ás chamadas moléculas verdes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade