O vento complica as tarefas de extinción no incendio de Ribas de Sil, que afectou o tráfico ferroviario
O vento complica as tarefas de extinción no incendio de Ribas de Sil, que afectou o tráfico ferroviario
O nivel 2 desactivouse de madrugada e as lapas queimaron, ata o momento, máis de 100 hectáreas
Estabilízanse os incendios de Vimianzo e Laxe unificados, que levan xa 200 hectáreas afectadas
O lume obrigou a interromper a circulación ferroviaria entre Soldón Sequeiros e San Clodio Quiroga
Permanece activo, desde as 18:22 horas do sábado, o incendio do concello de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei, que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de máis 100 hectáreas.
Na noite do sábado foi preciso declarar o nivel 2, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas. Na madrugada do domingo, esta situación operativa quedou desactivada.
Durante a mañá a evolución foi favorable pero pola tarde levantouse un vento que está a dificultar os labores de extinción. Ata o momento, mobilizáronse, de xeito acumulado, 2 técnicos, 19 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 3 pas, 7 helicópteros e 5 avións.
O lume obrigou a interromper a circulación ferroviaria entre Soldón Sequeiros e San Clodio Quiroga, que xa foi restablecida a pasada madrugada. O corte de tensión, pola proximidade das lapas ás vías, afectou un tren que saíu de León en dirección Vigo.
En concreto, o tren de longa distancia LD 11623 quedou suprimido en Ponferrada, polo que os seus pasaxeiros tiveron que continuar a viaxe en bus.
Lume Vimianzo-Laxe
Os dous incendios iniciados, un na parroquia de Salto, no concello de Vimianzo, ás 20:16 horas do sábado, e o outro na parroquia de Nande, no municipio limítrofe de Laxe, ás 21:55 horas, acabaron por unirse e forman arestora un único incendio, actualmente atópase estabilizado.
Segundo as últimas estimacións provisionais, en conxunto afecta unha superficie de arredor de 200 hectáreas. Para a extinción deste lume mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado e conxunto, 4 técnicos, 26 axentes, 30 brigadas, 29 motobombas, 5 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 2 helicópteros e 1 avión.