Evencio Ferrero formaliza a súa renuncia á alcaldía de Carballo tras 22 anos
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, formalizou este sábado a súa renuncia ao cargo nun emotivo pleno municipal co que se despediu desta responsabilidade tras máis de vinte e dous anos á fronte da institución.
Ferrero, nado nesta localidade hai setenta anos, deixou a alcaldía e a corporación carballesa por motivos persoais tras entrar a formar parte da mesma no ano 1979, nas primeiras eleccións locais celebradas tras o regreso da democracia.
No seu lugar, será elixido como novo alcalde o ata o de agora concelleiro de Deportes e deputado autonómico do BNG Daniel Pérez, que asumirá a vara de mando municipal nos dous anos que restan de mandato.
"Carballo queda, sen dúbida, en moi boas mans", dixo Ferrero no seu discurso de despedida.
Os portavoces dos tres grupos municipais tiveron palabras de agradecemento para Ferrero tras máis de dúas décadas no cargo, a quen lle agradeceron contribuír a cambiar a cara desta localidade coas súas políticas.
Ao termo da sesión, os membros da corporación fixéronlle entrega ao alcalde saínte dunha pintura co seu retrato e dunha peza de cerámica de Sargadelos que simboliza un carballo, árbore que lle dá nome ao concello.
Ana Pontón sitúao como un "exemplo" da xestión do BNG
Ademais de polo resto de concelleiros e por un nutrido grupo de veciños e veciñas, no seu pleno de despedida, Ferrero estivo acompañado por varios cargos orgánicos do seu partido, o BNG, incluíndo a voceira nacional Ana Pontón.
En declaracións aos medios previas ao comezo da sesión, Pontón sinalou o alcalde carballés como un "exemplo" do que o Bloque quere "para toda Galicia", xa que a súa xestión mostra a "capacidade" da organización para gobernar "transformando e mellorando" a vida das persoas. A dirixente nacionalista considerouno o "mellor alcalde da historia de Carballo" por facer do concello un "referente de dinamismo económico, social e cultural".
"Non é unha apreciación persoal motivada pola admiración e o aprecio, senón que falan os feitos", sostivo Pontón, que expresou a súa confianza en que a localidade poida seguir avanzando co novo rexedor.