Evacúan en barco a Bueu unha muller que caeu contra as rochas na illa de Ons
A accidentada tiña feridas na cara e na cabeza

A lancha Salvamar Mirach de Salvamento Marítimo trasladou esta tarde unha muller desde a illa de Ons ata o porto de Bueu, logo de sufrir un accidente ao caer contra as rochas na praia.
O primeiro aviso chegou ao dispositivo sanitario de garda na illa, que informaba do incidente rexistrado nunha das praias próximas. Ata o lugar desprazáronse os sanitarios que atoparon unha muller cun "traumatismo frontal", polo que alertaron o 112 para mobilizar medios para levar a accidentada ata un centro hospitalario.
Tiña golpes na cabeza e na faciana. O centro de Salvamento de Fisterra coordinou o dispositivo de rescate, que mobilizou tanto o helicóptero Pesca I, da Xunta, coma a Salvamar Mirach. Os médicos decidiron que se podía realizar o traslado no barco que chegou a Ons uns 40 minutos despois do aviso.
Á ferida embarcárona no peirao do Curro e logo de 20 minutos de travesía deixárona no porto de Bueu. Unha ambulancia do 061 trasladouna ata un hospital.
Aviso @112Galicia persona accidentada en Isla Ons necesita evacuación urgente.
— SALVAMENTO MARÍTIMO (@salvamentogob) August 20, 2022
Nuestro centro #Finisterre moviliza Pesca I @GardacostasGal y salvamar Mirach.
Médico Ons descarta helicóptero.
Tripulación salvamar Mirach evacua accidentado a #Bueu donde esperaba ambulancia 061. pic.twitter.com/6HIN4XBPMe