Publicador de contidos

Publicador de contidos

Evacuadas tres persoas en Ferrol polo incendio dunha vivenda no ensanche

Evacuadas tres persoas en Ferrol polo incendio dunha vivenda no ensanche

O lume orixinouse no quinto andar dun edificio da rúa Paraguai

Unha moza foi rescatada por unha fiestra e un mozo está hospitalizado

G24.gal 22/07/2022 15:38 Última actualización 22/07/2022 15:51

Pouco antes das catro e media da mañá, os bombeiros recibían o aviso por un incendio na rúa Paraguai, no barrio ferrolán do ensanche. As lapas iniciáronse, por causas que aínda se descoñecen, nun cuarto onde nese intre non había ninguén.

Tres persoas tiveron que ser evacuadas. Unha delas, unha moza rescatada por unha ventá do quinto andar, que foi onde se produciu o lume. Malia a aparatosidade do incendio, non foi necesario desaloxar o resto da veciñanza.

"A min rescatáronme por unha ventá porque estaba todo cheo de fume. E un mozo está na Coruña, no hospital, porque ten as fosas nasais queimadas. Pero está fóra de perigo", relata Olalla  Lorenzo, quen alertou os bombeiros do lume.

Tras permanecer seis horas no hospital, Olalla e Desirée, aínda co susto no corpo, achegáronse á vivenda para recoller algunhas das súas pertenzas. Pero aínda agora non saben como se orixinou o lume no cuarto que quedou completamente calcinado.

"Nese cuarto non había ninguén, así que non sabemos que puido pasar. Unha cabicha mal apagada, un enchufe... Nin idea", asegura Olalla.

Canda elas, había máis mozos que tamén foron desaloxados.

"Saía fume e lume polas fiestras e evacuamos", relata Enrique Suárez, xefe en funcións dos bombeiros de Ferrol.

Porén non foi necesario desaloxar o resto de habitantes do inmoble. Agora, invetíganse as causas do lume para poder esclarecer o sucedido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade