Publicador de contidos

Publicador de contidos

Eurostat revisa á baixa o crecemento europeo, por Maite Cancelo

Eurostat revisa á baixa o crecemento europeo, por Maite Cancelo

A economista apunta a factores como as exportacións, a inflación ou tipos de xuro como causas de que o comportamento da economía na zona euro fose peor do esperado nos últimos trimestres e probablemente tamén nos próximos

G24.gal 08/09/2023 11:21

O PIB da Zona Euro estáncase e só avanza un 0,1 % no segundo trimestre do ano, do mesmo xeito que ocorreu no primeiro trimestre, mentres que no conxunto de Europa o PIB se estancou despois dun crecemento do 0,2 % no primeiro trimestre. Por países, Lituania, Eslovenia e Grecia son os que máis medran, mentres que Polonia, Suecia e Austria os que menos.

En calquera caso, o problema é a evolución das maiores economías da Unión, sobre todo, o caso alemán, país en que o PIB se estancou despois da contracción do 0,1 % do primeiro trimestre, ou, tamén, do caso de Italia.

Para España, Eurostat estima unha moderación do seu crecemento desde o 0,5 % no primeiro trimestre ao 0,4 % neste segundo, situándonos por detrás de Francia. O que é máis preocupante é que o turismo se está a mostrar como o principal motor de crecemento do noso país, e o segundo trimestre incorpora meses de intensa actividade neste sector.

Outro tema que ten que alertarnos é que o comportamento da economía na zona euro foi peor do esperado. As previsións iniciais de Eurostat apuntaban a un aumento do 0,3 %. E, en calquera caso, tanto se analizamos o esperado como o estimado, son crecementos moi febles que aínda non apuntan a unha recesión pero si a un estancamento das nosas economías.

Sobre as causas desta revisión que fai Eurostat, os datos apuntan a varios factores que están a provocar esta moderación/estancamento das economías europeas.

As exportacións, que caen en Europa nun 0,7 % con relación ao comezo de ano, caída en parte explicada pola evolución da economía chinesa. En España, a evolución da economía alemá pode explicar, en parte, que o sector exterior, que foi o motor de crecemento da nosa economía no principio do ano, restou 1,8 puntos ao crecemento do PIB neste segundo trimestre, o que é un mal agoiro para os seguintes trimestres, sobre todo, cando o efecto turístico se reduza.

A persistencia da inflación en Europa tamén vai levar a un mantemento dos tipos de xuro, cos seus efectos nocivos sobre o crecemento, que, ademais, aumentarán as recomendacións/esixencias sobre a redución da débeda, sobre todo a pública.

E como xa comentei anteriormente, a subida de tipos é outro dos factores que frean o crecemento e dado que é pouco probable que vexamos un cambio na política monetaria do Banco Central Europeo, as previsións de crecemento para os meses que aínda temos por diante serán de revisión á baixa.

E para finalizar, e coma sempre, temos que ver a evolución dos datos. O consumo interno, ata o de agora, mantívose nunha posición moi neutra pero o avance da inflación, que, aínda que estea en crecementos máis moderados, non freou o seu crecemento e chove sobre mollado.

A falta de novos datos oficiais, podemos ver que xa está a incidir sobre o consumo das familias, ao que podemos sumar o efecto da suba dos tipos de xuro, principal instrumento de loita contra a inflación, pero que xa está a ter efectos nas rendas das economías domésticas e das empresas e, por tanto, terao nos datos de crecemento económico dos próximos meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos