Venus e Xúpiter pódense ver estes días relativamente preto da Lúa
O día de máxima cercanía aparente de Venús coa Lúa foi o mércores desta semana
A conxunción é especialmente atractiva porque son dos planetas que máis brillan
A mellor hora para velo é despois do solpor
O movemento dos planetas e os seus satélites provoca un xogo de perspectivas que, de tanto en tanto, aínda que sigan estando moi distantes, fai que se nos fagan máis presentes e aparentemente tamén máis próximos entre si.
Nunha imaxe, captada o pasado día 9 polo astrónomo Óscar Blanco, apréciase ben a Venus preto de Xúpiter. É unha das conxuncións astrais máis atractivas, porque son os planetas que máis brillan.
Estes días ademais entrou en xogo tamén a Lúa.
"Estes fenómenos non son raros, o que aconteceu estes días foi a conxunción de Venus, o máis brillante, con Xúpiter e a Lúa entrando tamén no escenario e iso chamou moito a atención da xente".
O astrónomo Oscar Blanco tomou esta imaxe da conxuncion de Venus e Xúpiter o día nove de xuño
Segundo reflicten as gravacións do Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago, a partir desa máxima proximidade que tiveron o mércores, iranse afastando día a día. Pero aínda podemos ver ese proceso, a noitiña, recomenda o director do centro, José Ángel Docobo.
"Logo do solpor temos unha hora e pouco na que se poden ver".
E tamén iremos vendo como se achega Mercurio, e se fai cada ves máis brillante. Iso acontecerá en tempo de perseidas e só tres días despois do gran fenómeno astronómico desta época, a eclipse total de Sol do 12 de agosto; un mes no que, sen dúbida, imos mirar moito para o ceo.
"Vai ser a eclipse das nosas vidas", di José Ángel Docobo, porque non haberá outra eclipse total de sol ata dentro de máis de 150 anos.