Este xoves publícanse as notas da PAU en Galicia e o venres abrirá a preinscrición nas carreiras
Medicina e os dobres graos en Matemáticas e Física e en Enxeñería Informática e Matemáticas, entre as notas de corte máis altas na comunidade

Os estudantes que a semana pasada realizaron a convocatoria ordinaria da Proba de Acceso á Universidade (PAU) en Galicia (estaban matriculados case 13.000, pero presúmese que non todos se presentaron) coñecerán este xoves as notas.
Sen prexuízo do prazo para reclamar as cualificacións, que se estenderá do venres ao día 17, o seguinte paso, unha vez estean as notas definitivas, será a prescrición nas distintas carreiras, que se fará a través da aplicación Nerta.
Para aqueles que decidan quedar a estudar na comunidade autónoma galega, a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) abrirá o prazo este venres 13 de xuño ata as 14:00 horas do día 26.
Na súa solicitude de admisión, cada aspirante debe seleccionar cinco titulacións e ordenalas segundo a súa preferencia, aínda que poderán elixir dez se os ensinos oficiais de grao se dispensan en máis dun centro (por exemplo, Dereito ofrécena as tres universidades públicas galegas e en varias facultades diferentes).
Tras isto, ao longo do verán iranse realizando os distintos chamamentos á matrícula. A primeira listaxe sairá o 8 de xullo, o cal abrirá un prazo de matrícula entre os días 9 e 10.
Estas datas non se aplican aos alumnos que fagan a PAU extraordinaria, ben porque suspenderon a ordinaria, ben porque obtiveron o título de Bacharelato en convocatoria extraordinaria. Neste caso, a selectividade será do 1 ao 3 de xullo e os prazos de prescrición e matrícula serán máis tardíos, polo que se poderían atopar con que xa hai graos universitarios sen praza dispoñibles.
O ano pasado, na convocatoria ordinaria da PAU aprobou o 96 % dos aspirantes que participaron. Está por ver como afectará a esta porcentaxe o cambio de modelo introducido este ano.
Durante o proceso de entrada na carreira, os estudantes adoitan ter sempre en mente a chamada nota de corte, conforme ás listaxes que cada ano publica a CiUG.
Con todo, cabe lembrar que só é unha mera referencia: que unha titulación teña como nota de corte un 9,000 (sobre un total de 14,000) non significa que para entrar haxa que obter, como mínimo, esta cualificación na PAU, senón que é a nota do último estudante que entrou o ano anterior.
O Grao en Medicina e as dobres titulacións en Matemáticas e Física, e en Enxeñería Informática e Matemáticas, as tres pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), figuran un ano máis entre as titulacións coas maiores notas de corte para entrar de toda Galicia.
En concreto, a máis alta tena o dobre grao en Matemáticas e Física, cun 13,278, e a segunda é a de Enxeñería Informática e Matemáticas, cun 13,188. En terceiro lugar está Medicina, cun 12,612.
Outras titulacións que adoitan ter notas de corte altas son Odontoloxía pola USC (12,570), Biotecnoloxía pola USC (12,418) e Aeronáutica pola UVigo en Ourense (12,348).