Este Real Madrid de Champions ten máis vidas que un gato
O Chelsea púxose cun 0-3 e con pé e medio nas semifinais pero Rodrygo forzou a prórroga
No tempo suplementario apareceu Benzema para obrar a milagre (2-3)

O Real Madrid de Champions ten máis vidas ca un gato. Tiña a eliminatoria encamiñada co 1-3 de Londres pero o vixente campión de Europa sacou carraxe e un gran repertorio de fútbol. O Chelsea pasoulle por riba ao Real Madrid dando unha lección de fútbol e agresividade.
No primeiro tempo marcou Mount (minuto 15). No segundo, anotou Rudiger (50') para igualar a eliminatoria. Marcos Alonso fixo o terceiro, anulado polo VAR. Era un aviso, porque no 75' Timo Werner culminaba a fazaña anotando o 0-3.

Algúns daban por morto o Real Madrid. Craso erro. A dez minutos para o final do partido Rodrygo, que acababa de aparecer polo campo, cazou un centro e marcou o 1-3. Cando máis costa arriba estaba a eliminatoria apareceu o menos agardado para darlle unha vida extra en forma de prórroga ao equipo branco.

Na prórroga foi o terreo Benzema. Aquel que alcumara Mourinho como "o Gato" meteu a cachola e completou a remonta (2-3, minuto 95). Cos seus dous goles tumbara o París Saint Germain en oitavos. En Londres xa fixera un hat trick e no Bernabeu anotou o gol decisivo.
O Chelsea buscou levar a eliminatoria á quenda de penaltis ata o minuto 120 pero o Real Madrid xa rexurdira da súa propia borralla e non deixou escapar o partido.
