Este martes entra en vigor a reforma da Unión Europea que obriga a dixitalizar a frota
Obriga a rexistrar todas as capturas de forma dixital, incluídas as da pesca recreativa, e esixirá aos buques iren equipados con sistemas de seguimento
Tamén se instalarán cámaras a bordo nos navíos de máis de 18 metros

O novo regulamento do control pesqueiro da Unión Europea entra en vigor este martes, con medidas como a dixitalización obrigatoria das capturas, a xeolocalización dos buques ou a instalación de cámaras a bordo, que supoñerán un esforzo económico para a frota española.
A regulación actualiza o 70 % das normas de vixilancia pesqueira e persegue modernizar o seguimento das capturas e das importacións, con medidas ambiciosas que se aplicarán de forma gradual, cunha transición de dous ou catro anos para facilitar que o sector se adapte.
Foi acordada en 2023, tras cinco anos de negociacións na UE retardadas pola pandemia.
En España, a primeira potencia pesqueira da UE, afectará a unha frota que conta con 8.657 barcos e a un sector que xera 31.000 empregos directos e 150.000 indirectos.
Segundo os representantes pesqueiros, a modernización do control é positiva para garantir unha boa xestión dos caladoiros, pero algunhas das súas medidas van complicar moito o traballo dos pescadores e serán moi custosas, segundo o secretario xeral da patronal de armadores CEPESCA Javier Garat.
Principais medidas
A nova regulamentación obriga a rexistrar todas as capturas de forma dixital, incluídas as da pesca recreativa, o que supón acabar coa anotación en papel, e tamén esixirá aos buques iren equipados con sistemas de seguimento, aínda que en prazos de dous a catro anos segundo a modalidade.
Para os barcos de menos de nove metros de eslora poderanse conceder exencións ata o 31 de decembro de 2029.
O rexistro dixital foi celebrado por asociacións da industria pesqueira e conserveira, mentres que o seguimento das capturas recreativas foi valorado pola frota profesional.
Por outra banda, haberá unha vixilancia electrónica remota de buques máis grandes para garantir que as capturas non desexadas non se descarten no mar e non se vulnere a "obrigación de desembarque", que esixe levalas todas a terra.
Un dos aspectos máis controvertidos da negociación do regulamento foi a instalación de cámaras a bordo e finalmente a UE acordou impoñelas aos navíos de máis de 18 metros de eslora se hai risco de que se incumpran as esixencias contra os descartes.
Para os armadores, hai dúbidas sobre como vai ser o desenvolvemento lexislativo do novo regulamento en cuestións como a das cámaras.
Sancións e o "carné por puntos"
Por outra banda, a nova normativa revisa o sistema de sancións e criterios para fixar unhas multas mínimas, cunha lista de infraccións graves das normas da Política Pesqueira Común e os Estados membros deberán garantir que os responsables queden suxeitos a sancións "efectivas, proporcionadas e disuasorias".
Actualiza tamén o sistema de "carné por puntos", que funciona na pesca da UE de forma inversa ao transporte por estrada, segundo o cal aos infractores se lles anotan puntos e cando hai unha suma prodúcese a penalización.
A este respecto, segundo recoñecen as organizacións pesqueiras, España ten moi desenvolvido este "carné", do mesmo xeito que as sancións, ao contrario que outros países comunitarios.
CEPESCA valorou que coa nova norma dentro das infraccións sancionables se inclúan "o traballo forzoso a bordo" e incumprimentos en materia social.
Reacción da frota
Os armadores españois consideran que o novo regulamento "vai complicar a vida dos pescadores" e que requirirá un esforzo de adaptación ás novas tecnoloxías, especialmente para a frota de baixura ou artesanal, segundo subliñou Garat, tamén presidente da patronal europea Europêche, que integra empresas e confrarías.
Garat engadiu que os pescadores senten que "non se lles deixa respirar" con novos requirimentos, a pesar da dureza do seu traballo, e que coas políticas da UE os "criminalizan".
Con todo, a patronal de armadores valorou aspectos positivos da nova regulamentación.
Entre eles, o impedimento de que as embarcacións apaguen o sistema de identificación automática (AIS, nas súas siglas en inglés) e que só o poidan facer se informan o Estado membro da razón: isto evitará transbordos ilegais en alta mar. Esta novidade tamén foi valorada pola organización ambientalista Oceana.