Este martes apróbase a norma que elimina a obriga de usar máscara en interiores
A medida entrará en vigor o mércores
Mantense en hospitais, residencias, farmacias e transporte
Os servizos de prevención de cada empresa decidirán sobre o seu uso
Este mércores deixará de ser obrigatorio en España usar a máscara en interiores en calquera circunstancia. Queda por saber a letra pequena dunha medida apoiada nos altos niveis de vacinación e na caída da presión hospitalaria.
"Niveis de hospitalización e de UCI por debaixo do 4 % creo que nos permiten tomar a decisión, avalada polas comunidades autónomas e a comunidade científica, de pasar a recomendar e non a que sexa obrigatorio o uso da máscara", aseguraba Pedro Sánchez nunha entrevista.
A maioría dos expertos están de acordo en que é o momento de dar o paso e de retirala naqueles espazos, como a hostalería, onde o seu uso xa estaba sendo meramente cosmético.
"Non podemos impoñer unhas medidas restritivas e perpetualas, porque non é necesario", di o inmunólogo do CHUS José Gómez Rial.
E á marxe de onde sexa obrigatoria, os médicos din que deberían seguir usando máscara de alta protección as persoas vulnerables. Tamén o resto da poboación sempre que teña síntomas catarrais.
Gómez Rial asegura que nese caso si que deberiamos normalizar o uso da máscara para evitar diseminar tanto a covid–19 como a gripe ou calquera rinovirus ou infección respiratoria.
España retira a máscara obrigatoria en interiores case dous anos despois de implantala. Será dos últimos países europeos en facelo. O Goberno deixará nas mans dos servizos de prevención das empresas regular o seu uso nos espazos de traballo.
Á espera de coñecer como quede a nova normativa sábese que será obrigatoria para traballar ou visitar ingresados en hospitais ou residencias, nas farmacias e en toda clase de transporte público.