Publicador de contidos
Publicador de contidos

Este martes abre o prazo para solicitar as bolsas para estudantes

Este martes abre o prazo para solicitar as bolsas para estudantes

Poderán pedilas os alumnos de bacharelato, FP, ensino de idiomas, artísticas, deportivas, universitarias e con necesidades especiais de apoio educativo

Nas próximas semanas anunciaranse tamén as datas da convocatoria de axudas para estudantes con necesidades específicas

G24.gal 18/03/2024 16:49 Última actualización 18/03/2024 17:24

A partir deste martes e ata o 10 de maio o alumnado de Formación Profesional, bacharelato, ensinos artísticos, deportivas, de idiomas e estudos universitarios poderán pedir a súa bolsa para o curso 2024-25 na sede electrónica do Ministerio de Educación.

A convocatoria xeral para estudos postobrigatorios espera ter uns 744.000 beneficiarios (o curso pasado, 2022-2023, foron 429.494 non universitarios e 305.570 universitarios), mentres que as axudas para alumnado con especiais necesidades de apoio educativo chegarán a preto de 249.000.

Aínda que non saiban aínda as notas que obterán este curso ou que van estudar no que vén, os interesados deberán cumprimentar unha serie de datos provisionais, que poderán modificar máis adiante.

A principal novidade desta convocatoria é a subida do 5 % nos limiares de renda, que permitirá que máis mozos accedan a unha bolsa. Isto súmase ás melloras incorporadas en cursos anteriores como o incremento de 1.600 a 2.500 euros nas bolsas de residencia.

Nas próximas semanas anunciaranse tamén as datas da convocatoria de axudas para estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.

Neste caso, a principal novidade é a redución da porcentaxe de discapacidade que é necesario acreditar para solicitar estas axudas, que pasa do 33 ao 25 por cento.

Ademais de aumentar os limiares de renda máximos nun 5%, esta convocatoria excluirá por primeira vez do cómputo de patrimonio as subvencións ao alugueiro de vivenda habitual, unha suxestión reiterada nos últimos anos por parte do Defensor do Pobo.

Poderán acollerse ás axudas os estudantes de bacharelato, FP, ensino de idiomas, artísticas, deportivas e universitarias -incluídas as de máster-, e o alumnado con especiais necesidades de apoio educativo (discapacidade, trastorno grave da comunicación e a linguaxe, trastorno de espectro autista e altas capacidades).

As principais modalidades e contías das bolsas, axudas e subsidios son a contía fixa ligada á renda do solicitante (1.700 euros) e a vinculada á residencia (2.500 euros), xunto á bolsa básica (300 euros) e a contía fixa pola excelencia no rendemento académico -entre 50 e 125 euros a partir dunha nota de 8 puntos-.

En conxunto, o orzamento superará os 2.535 millóns de euros. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade