Publicador de contidos

Publicador de contidos

Afundimento no informe PISA: "Os alumnos non son capaces de comprender textos longos"

Afundimento no informe PISA: "Os alumnos non son capaces de comprender textos longos"

Os alumnos españois de quince anos obtiveron o seu peor resultado da historia deste estudo da OCDE

A Xunta atribúe os malos datos á LOMLOE e salienta que Galicia se mantén nun "percentil medio-alto" entre as comunidades con mellores resultados, aínda que con perdas nas tres competecias analizadas

G24.gal 08/09/2026 10:05 Última actualización 08/09/2026 12:42

Galicia rexistrou na última edición do informe PISA un retroceso xeneralizado nas tres competencias avaliadas, cunha perda de 20 puntos en matemáticas e ciencias e de 31 en lectura respecto a 2022, aínda que a comunidade se mantén entre as que obteñen mellores resultados do conxunto de España.

Os alumnos galegos lograron unha puntuación media de 466 puntos en matemáticas, fronte aos 486 da anterior edición; 486 en ciencias, fronte aos 506 de 2022; e 454 en lectura, fronte aos 485 anteriores.

A comprensión lectora concentra a maior deterioración e alcanza o seu peor rexistro desde que Galicia comezou a participar de forma individualizada en PISA. A comunidade, que hai tres anos ocupaba o sétimo posto autonómico, perde agora unha posición e queda tres puntos por encima da media española, situada en 451.

O retroceso tamén é especialmente acusado respecto a 2015, cando Galicia alcanzou os 509 puntos en lectura: son 55 puntos menos unha década despois. De acordo coa equivalencia utilizada en PISA, uns 20 puntos representan aproximadamente un curso académico, polo que a perda acumulada neste período supón preto de tres cursos de diferenza.

En matemáticas, os 466 puntos obtidos constitúen igualmente o rexistro máis baixo da serie galega, aínda que o descenso xeneralizado do resto de territorios permite a Galicia mellorar tres postos e situarse quinta entre as comunidades.En ciencias, onde tradicionalmente destacou o alumnado galego, a caída de 20 puntos faille pasar do segundo ao quinto posto.

O deterioaramento non é exclusivo de Galicia. Os alumnos españois de quince anos obtiveron o seu peor resultado da historia do Informe PISA da OCDE en Lectura, Matemáticas e Ciencias na edición de 2025..España obtén 457 puntos en matemáticas, 451 en lectura e 477 en ciencias, en todos os casos por baixo das medias da OCDE, que son de 463, 461 e 482 puntos, respectivamente.

En lectura e matemáticas, as diferenzas coa OCDE son estatisticamente significativas; en ciencias, España non presenta diferenzas significativas coa media da UE, situado en 481 puntos.

O informe constata, ademais, un retroceso xeneralizado a nivel internacional, polo que os resultados galegos enmárcanse nunha tendencia que afecta a boa parte dos sistemas educativos analizados.

A OCDE apunta entre os posibles factores a menor capacidade de atención, a maior diversidade das aulas, unha crecente necesidade de apoio ao alumnado e os cambios nos hábitos de lectura asociados á dixitalización, a exposición a pantallas e a menor lectura durante o tempo de lecer.

O informe sinala que as pantallas deterioran o rendemento académico global, sobre todo na lectura, que é a porta de entrada ao resto de materias, segundo sinala o analista da OCDE e resposable do estudo PISA, Tue Halgreen. A conclusión xeral é que a metade dos alumnos españois de 15 e 16 anos teñen un nvel baixo en ciencias e só o 28 % chega ao nivel mínimo para enfrontarse á vida cotiá e ao futuro laboral.

O deterioramento en lectura e matemáticas intensificouse na última década. "Os alumnos non son capaces de comprender textos longos e fan unha lectura apresurada, é un desafío global", alerta Halgreen.

Madrid en cabeza

Por comunidades autónomas, os mellores resultados de España en Lectura obtivéronse en Asturias (471 puntos), seguidos pola Comunidade de Madrid (469), Castela e León (466), Cantabria (461), Castela-A Mancha (461), A Rioxa (461) e Aragón (461), todos eles por encima da media da UE (459). Galicia, con 454 puntos, está por encima da media de España (451) pero non da UE, e Estremadura (451) iguala a media española.

Por baixo da media de España en Lectura atópanse a Rexión de Murcia (448), Canarias (445), Andalucía (441), Illas Baleares (441), Navarra (441), Comunidade Valenciana (424), País Vasco (419), Ceuta (397) e Melilla (379). Cataluña, excluída dos informes internacionais pola súa alta porcentaxe de exclusións, obtivo 473 puntos.

En Matemáticas, os mellores resultados conseguíronse na Comunidade de Madrid (477 puntos), seguida por Castela e León (472), Cantabria (470), Asturias (469) e Galicia (466), todas elas por encima da media da OCDE e do total da UE (463).

Tamén se atopan por encima da media de España en Matemáticas (457 puntos) os alumnos de Castela-A Mancha (462), A Rioxa (462), Aragón (462), Navarra (462) e País Vasco, mentres que por baixo da media están os estudantes de Estremadura (454), Baleares (449), Murcia (447), Canarias (442), Andalucía (442), Comunidade Valenciana (435), Ceuta (405) e Melilla (395). Pola súa banda, Cataluña obtivo 474 puntos nesta materia.

En Ciencias, os alumnos que obtiveron a puntuación máis alta de España foron os da Comunidade de Madrid (495 puntos). Por encima da media da OCDE (482), da UE (481) e de España (477) tamén se atopa Castela e León (493), Asturias (492), Cantabria (490), Galicia (486), Castela-A Mancha (485), A Rioxa (484) e Aragón (482).

Por baixo da puntuación media en Ciencias, están Estremadura (473), Navarra (472), Baleares (471), Murcia (470), Canarias (469), Andalucía (462), País Vasco (459), Comunidade Valenciana (450), Ceuta (420) e Melilla (405). Pola súa banda, Cataluña obtivo unha puntuación de 502.

Tolón: "Hai que seguir traballando"

A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes Milagros Tolón recoñeceu que os estudantes españois teñen un déficit en comprensión lectora, que é a base de todos os problemas, e comprometeuse a seguir traballando para frear a gran caída no rendemento que ten o alumnado en materias claves. Tolón sinalou as pantallas como unha das causas deste retroceso.

"Pode vir relacionado cos hábitos de pantallas, dunha lectura apresurada, das mensaxes curtas que se impoñen aos adolescentes nas redes", sinalou a ministra.

"Pero hai que seguir traballando na lectura comprensiva, porque é a base de todo. Se non comprendes ben ao ler, non se fará ben un problema de matemáticas", puntualizou.

A ministra comprometeuse a analizar na próxima conferencia sectorial de Educación o informe PISA 2025, que, con todo, dá moi boa puntuación a comunidades como Madrid, Castela e León ou Asturias e Cantabria: "Haberá que ver que ocorreu nas diferentes comunidades para reforzar", dixo tras insistir en que a caída do rendemento foi xeneralizada en todos os países analizados.

Tolón ademais negou que a aplicación da lei educativa, LOMLOE, tivese incidencia nestes resultados, dado que se trata do primeiro informe PISA tras a súa posta en marcha, e recalcou que a norma estableceu un enfoque competencial no ensino, que é o que se aplica precisamente nas avaliacións que fai PISA, nas que se busca a capacidade do alumnado na resolución de problemas.

A Xunta atribúe os datos á LOMLOE

Tras coñecerse o informe, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, atribuíu o retroceso nas tres competencias ao modelo educativo da LOMLOE e asegurou que o informe PISA supón un "suspenso" ao "socialismo educativo"Rodríguez sostivo que o descenso rexistrado en España e na práctica totalidade das comunidades evidencia unha "caída estrutural" do sistema "derivada dunha mala lei".

No caso de Galicia, o conselleiro diferenciou entre a evolución das puntuacións en termos absolutos e a posición da comunidade respecto ao resto de territorios. Aínda que admitiu a perda de puntos nas tres competencias avaliadas, destacou que Galicia se mantén nun "percentil medio-alto" e entre as comunidades con mellores resultados, por encima da media española en matemáticas, lectura e ciencias.

Rodríguez tamén puxo o foco na equidade do sistema educativo galego, un dos aspectos que, segundo defendeu, explica a súa posición comparativamente favorable. Asegurou que Galicia ocupa o primeiro posto dentro da OCDE neste indicador, que mide ata que punto a orixe e as circunstancias do alumnado condicionan os seus resultados, e reivindicou este dato como unha das principais fortalezas da educación galega.

O titular de Educación defendeu, en todo caso, a utilidade do informe PISA como ferramenta para coñecer a situación do sistema educativo en comparanza con outros territorios e admitiu que os datos absolutos de Galicia "non son os que nos gustaría".

O conselleiro insistiu en que estamos ante "o fracaso da LOMLOE e o socialismo educativo", e que os datos demostran a necesidade de actuar sobre os currículos, recuperar unha maior cultura do esforzo na avaliación e abordar unha reforma da profesión docente. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade