Publicador de contidos

Publicador de contidos

Setembro cambia o pulso de Santiago coa chegada dos universitarios

Setembro cambia o pulso de Santiago coa chegada dos universitarios

 A capital galega acolle cada ano uns 20.000 alumnos de media

Os hostaleiros valoran a fidelidade do estudantado cos locais e o consumo habitual

G24.gal 06/09/2026 21:27

Setembro cambia o pulso de Santiago. Durante o verán, a cidade vive en boa medida cara ao visitante: turistas, peregrinos... Pero o comezo de setembro inicia outra temporada. Regresan os propios composteláns das vacacións e, sobre todo, o alumnado universitario.

"Con ganas de comezar o curso. Estamos ilusionados con como é vivir nunha nova cidade, ver como se move a xente e con moitas ganas", di un estudante

"Hai moito ambiente universitario e veño moi emocionada", di outra.

Non é que o padrón cambie de golpe. O que cambia é a poboación presente na cidade: baixa pouco a pouco o peso do visitante estacional e aumenta o dunha comunidade que vive aquí durante meses.

"Na rúa xa hai moita xente. Moitos compañeiros meus xa viñeron aos seus pisos, ás súas residencias, todos están xa chegando para instalarse"


Nótase nas rúas e na vida da cidade, e especialmente na hostalaría. Os profesionais advertiron este verán dun turista máis austero, que comparte máis racións, recorre ao supermercado e reduce o gasto no restaurante. En setembro, explican, o consumo mellora coa volta das familias e dos estudantes.

"Xa cambiou moito o perfil de turistas a estudantes, temos un mes moi bo para explotar. Dan máis cartos os estudantes que os turistas. É un público constante, diario e fiel ao local", di o responsable dun local

Os bares e cafeterías recuperan unha clientela máis cotiá, ligada aos cafés, aos menús, ás compras e ao lecer. Santiago pasa así, en poucas semanas, da cidade máis turística do verán á súa outra grande identidade: a histórica cidade universitaria.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade