Publicador de contidos

Publicador de contidos

Estabilizado o incendio da Cañiza e extinguidos os de Carballedo, Arbo e Carballeda de Avia

Estabilizado o incendio da Cañiza e extinguidos os de Carballedo, Arbo e Carballeda de Avia

Ante a evolución favorable do lume, desmobilizouse a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que colaborou nas tarefas de extinción

G24.gal 01/08/2025 20:36

A Consellería do Medio Rural deu por estabilizado o incendio que afecta o municipio pontevedrés da Cañiza e que queimou xa ao redor de trescentas hectáreas.

O Goberno galego establece que xa non hai risco para a poboación pola proximidade a vivendas.

Tamén se desmobilizou á Unidade Militar de Emerxencias (UME), que colaborou nas tarefas de extinción, ante a evolución favorable do lume.

Este incendio orixinouse o pasado mércores pola tarde en cinco puntos diferentes de forma case simultánea.

A súa perigosidade obrigou a Xunta a enviar unha mensaxe a través do sistema Es-Alert recomendando aos habitantes de sete lugares da parroquia de Valeixe que se confinasen nos seus fogares.

Para a súa extinción mobilizáronse once técnicos, trinta e cinco axentes, corenta e oito brigadas, trinta e tres motobombas, cinco pas, sete unidades técnicas de apoio, sete avións e dez helicópteros.

Extinguidos os incendios de Arbo, Carballedo e Carballeda de Avia

A Xunta de Galicia deu ademais por extinguidos este venres os incendios de Carballedo (Lugo), o de Arbo (Pontevedra) e o que afecta o municipio ourensán de Carballeda de Avia, no que se estima que ardeu unha superficie próxima ás vinte hectáreas.

A Xunta lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún incendio forestal. Existe tamén un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade