Novos incendios activos en Forcarei e O Saviñao, mentres controlan o da Fonsagrada tras queimar 120 hectáreas
Novos incendios activos en Forcarei e O Saviñao, mentres controlan o da Fonsagrada tras queimar 120 hectáreas
O incendio de Salceda, que ameazou vivendas, xa está controlado tras arrasar 80 hectáreas
Varios focos permanecen estabilizados ou controlados en Galicia
Dous incendios permanecen activos este xoves en Galicia, nos municipios de Forcarei (Pontevedra) e O Saviñao (Lugo), mentres as brigadas lograron controlar o da Fonsagrada (Lugo), que arrasou 120 hectáreas en Monteseiro desde o martes.
Lumes en Forcarei e O Saviñao
O incendio do Saviñao, declarado ás 18:39 horas deste xoves na parroquia de Piñeiro, afecta sete hectáreas, segundo os primeiros datos.
No operativo participan seis avións e tres helicópteros. Pola súa parte, o lume de Forcarei, activo desde as 19:41 horas na parroquia de Millarada, mantén tamén despregados catro helicópteros e dous avións, aínda sen estimación da superficie queimada.
Estabilizados outros focos
Permanece estabilizado, aínda sen controlar, un incendio en Coirós (A Coruña), na parroquia de Santa María de Ois, que afecta catro hectáreas.
No operativo colaboran seis helicópteros e catro avións. Ademais, esta tarde tamén se rexistraron dous conatos: un en Santiago, parroquia de Vidán, controlado tras queimar 0,2 hectáreas, e outro en Porto do Son, parroquia de Miñortos, estabilizado con 0,25 hectáreas afectadas.
Controlado o incendio de Salceda que puxo en perigo vivendas
O incendio de Salceda de Caselas, na parroquia da Picoña, iniciado o mércores, quedou controlado arredor das 19:00 horas deste xoves tras queimar 80 hectáreas.
O lume obrigou a activar a situación 2 pola proximidade a casas no núcleo de Pedrapinta, aínda que xa está desactivada. No operativo participaron membros da UME, ademais de catro helicópteros e dous avións.
Outros incendios estabilizados e controlados
Segue estabilizado o incendio da parroquia de San Pedro de Batalláns, nas Neves (Pontevedra), que tamén obrigara a activar a situación 2 pola proximidade a Abelleira. Tamén está estabilizado o lume das Pontes (A Coruña), parroquia do Freixo, con 20 hectáreas queimadas.
Permanecen controlados os incendios de Ponteceso, parroquia de Corme Aldea (60 hectáreas), e de Camariñas, parroquia de Xaviña (50 hectáreas), que obrigaron a desaloxos, así como o de Ponteceso, parroquia de Brantuas, iniciado o sábado e con 200 hectáreas afectadas.
Continúa controlado o grande incendio de Vilardevós (Ourense), parroquia de Terroso, iniciado o domingo e que leva calcinadas 570 hectáreas.