Desactivan a situación 2 e estabilizan os incendios de Salceda e As Neves
Nestes dous concellos pontevedreses declararase este mércores á tarde a situación 2 pola proximidade do lume ás casas
Os incendios nos concellos pontevedreses de Salceda de Caselas e As Neves, orixinados ambos na tarde do mércores, xa foron estabilizados. En ningún dos casos, existe xa un risco para vivendas próximas.
Medio Rural desactivou este xoves á maná a situación 2 de alerta no núcleo de Pedrapinta, no concello de Salceda de Caselas, na parroquia da Picoña, onde se decretara este mércores pola proximidade do lume ás casas. O incendio comezou ás 16:17 horas e, segundo a última estimación, afecta unhas 80 hectáreas. Contra o mediodía o incendio pasou cualificouse como estabilizado.
De madrugada a rexedora de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, confirmaba en declaracións á Radio Galega, que non houbera desaloxos nin había confinamento e cría que os medios actuaron a tempo para salvar as casas.
Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 3 técnicos, 11 axentes, 16 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 5 avións.
A Unidade Militar de Emerxencias, que tiña previsto despregarse nas Neves, foi redirixida cara á Picoña, onde reforzaron durante toda a madrugada o traballo dos brigadistas.
#PicoñaSalcedadeCaselas
— UME (@UMEgob) August 7, 2025
Durante la noche, el Quinto Batallón de Intervención en Emergencias #BIEM5 @UMEgob ha realizado apoyo de línea húmeda a pasadas de Dozer 🚜 y perimetración para control del avance de llama 🔥@112galicia@DelGobGalicia@DefensaGob#Compromiso… pic.twitter.com/rFVqrIDO8s
Tamén estivo en situación 2, pola súa proximidade ás vivendas, o incendio nas Neves, na parroquia de San Pedro de Batalláns, que se declarou á primeira hora da tarde deste mércores e afecta a unhas 50 hectáreas, segundo as estimacións de Medio Rural. Esa situación 2 foi desactivada a primeira hora deste xoves, e posteriormente, contra ao mediodía, declarouse estabilizado.
Os veciños non chegaron a ser desaloxados, pero as autoridades pedían á poboación que permanecese confinada e extremase as precaucións.
Xa de madrugada o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, aseguraba que a situación mellorara bastante tralos momentos de apuro vividos, sobre todo na Abelleira, onde chegaron a quedar rodeados polas lapas.
Na extinción deste incendio mobilizáronse, ata o momento, 6 técnicos, 9 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 6 helicópteros e 3 avións.
Amais destes dous incendios tamén permanece activo na Fonsagrada, na parroquia de Monteseiro, que queimou unhas 120 hectáreas.
O que ardía no concello coruñés das Pontes de García Rodríguez, na parroquia do Freixo, que se iniciou contra as 22:00 deste mércores, declarouse estabilizado esta tarde. Polo momento queimou unhas 20 hectáreas.
Mellora a situación en canto ao resto, logo de que se desactivase a situación 2 nos incendios que afectaban Camariñas, na parroquia de Xaviña, onde arderon unhas 50 hectáreas, e o de Ponteceso, en Corme Aldea, que queimou unhas 60 hectáreas.
En canto ao resto, están controlados os incendios localizados en Brantuas, no concello de Ponteceso, que se iniciou o sábado pasado, e arrasou xa unhas 200 hectáreas, e o de Vilardevós, na parroquia de Terroso, que queimou unhas 570 hectáreas. Ademais este xoves declarouse estabilizado o da parroquia de Cereixido, na Fonsagrada, dunhas 20 hectáreas.